• La Limia es así

    La Limia es así

    Casares, Carlos

  • Coellos, raposos e cobras (1993)

    Coellos, raposos e cobras (1993)

    Casares, Carlos

  • Xoguetes pra un tempo perdido

    Xoguetes pra un tempo perdido

    Casares, Carlos

img_casaresA Real Academia Galega promove desde 1963 a celebración do Día das Letras Galegas, dedicado cada ano a unha figura destacada polo seu labor a prol da lingua e da literatura galegas. Para este ano 2017 a Academia acordou que a celebración de 2017 estea dedicada a Carlos Casares. Membro numerario desta institución ata o seu pasamento en 2002, Casares foi un dos autores de referencia da narrativa galega do século XX, cun compromiso con gran público lector, tanto a través das súas obras como das súas colaboracións na prensa.

Esta faceta de escritor compaxinouna primeiro co seu labor como ensinante e despois cunha dimensión pública como xestor e dinamizador de proxectos de gran relevancia para a cultura galega, como a editorial Galaxia, da que foi director, o Consello da Cultura Galega, que presidiu entre os anos 1996 e 2002, ou o Centro PEN Galicia, ademais da propia Real Academia Galega.

Para difundir e poñer en valor o seu legado, Galiciana, a biblioteca dixital de Galicia, crea este micrositio para favorecer o acceso universal a documentos dixitalizados relacionados con Carlos Casares e coa súa obra. Esta dixitalización realizouse grazas a colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Carlos Casares, depositaria dos orixinais.

Este micrositio ponse en marcha con 78 documentos dixitalizados do arquivo persoal de Carlos Casares, o que supón dar acceso público a máis de 1.300 imaxes. Entre os valiosos documentos que se poden consultar están manuscritos e mecanuscritos dos seus artigos na columna "Á Marxe", que publicaba na contraportada de La Voz de Galicia, notas das súas conversas con Ramón Piñeiro, apuntes sobre as súas múltiples viaxes e incluso probas de imprenta dalgunhas das súas obras máis destacadas. Ao longo deste ano dedicado a Casares, Galiciana, a biblioteca dixital de Galicia, incorporará novas dixitalizacións para continuar difundindo a obra e o pensamento desta importante figura para a cultura galega.