Apuntes biográficos/históricosDon Álvaro Pérez, máis coñecido como Álvaro Pelagio, foi un dos máximos expoñentes do escotismo da súa época. Aínda que existen diverxencias ao sinalar o lugar de nacemento deste membro da fidalguía, Manuel Murguía defendeu a tese de que naceu en Galicia. Impartiu leccións en universidades italianas, sendo o ano 1304 decisivo para el. Foi entón cando tomou o hábito franciscano no convento de Asís, de mans doutro ilustre galego, Gonzalo de Balboa.
Neste periodo tomou partido nos conflitos que se deron entre Espiritualistas e Conventuais, ambos os dous grupos enfrontados ao defender unha lexitimidade distinta fronte ao poder dos Reis. Álvaro Pelagio ocupou o Bispado de Silves en Portugal (actualmente, Bispado de Faro). A reforma do clero que promoveu no país veciño e que non foi apoiada por outros relixiosos obrigouno a fuxir a Santiago.
O autor pasou a derradeira etapa da súa vida en Sevilla, xunto a amigos e familiares. Alí faleceu en 1349, sendo soterrado no Convento de Santa Clara, tal e como deixou escrito no seu testamento. No tocante á súa obra, o autor só publicou en vida De statu et plantu ecclesiae, comezada durante a súa estadía en Portugal e rematada en Santiago. Este libro é fundamental á hora de aproximarse á realidade da Igrexa do seu tempo. Aparte deste libro, deixou varias obras inéditas recentemente publicadas en Lisboa.