Apuntes biográficos/históricosA súa condición de misioneiro da orde dos dominicos permitiulle a Pedro de Santa María e Ulloa percorrer boa parte do mundo. Tras comezar os seus estudos en Betanzos e ser ordenado en 1662 en San Esteban de Salamanca, estivo en varios lugares de América, nas Illas Canarias e en boa parte de África. Os seus derradeiros anos de vida pasounos en Sevilla, contando coa admiración e veneración de numerosas persoas.
En 1692 don Tomás Pedro de Andrade, fillo espiritual do autor, publica na cidade andaluza Compendio de su prodigiosa vida y virtudes. Á súa morte concedéuselle o título de venerábel e a orde solicita o inicio dos trámites para beatificalo.
No tocante á súa obra, o autor comeza a escribir en Sevilla Consideraciones o Arco Iris de Paz, título que quedou inacabado e que non foi publicado ate o século seguinte.