(Negreira, A Coruña, España, 1878 - Portas, Pontevedra, España, 1941)
"Jesús Segundo Rey Alvite, tamén coñecido polo pseudónimo Jersaef, nado en Santa María de Portor (Negreira) o 26 de agosto de 1878 e finado en Portas o 5 de outubro de 1941, foi un mestre, xornalista e escritor galego.
Fillo do médico Jesús Vicente Rey e de María Alvite.
Estudou no Seminario de Santiago de Compostela, que despois abandonou para seguir a carreira de Maxisterio na Escola Normal de Santiago de Compostela. En agosto de 1909 foi nomeado redactor-correspondente da revista Mondoñedo, época na que xa traballaba como correspondente do xornal bonaerense El Eco de Galicia.
O 18 de xuño de 1910 participou na entrega dun álbum de homenaxe a Eugenio Montero Ríos e en agosto de 1912 recibiu un premio nos Xogos Florais de Pontevedra por unha biografía de Manuel Curros Enríquez. Foi mestre en Amio e na escola municipal do barrio compostelán das Barreiras (1918-1941). Tamén foi secretario da Comisión organizadora do monumento a Rosalía de Castro da Alameda de Compostela. O 3 de febreiro de 1927 foi elixido secretario da primeira xunta directiva da Asociación de Prensa de Santiago, baixo a presidencia de Celestino Sánchez Rivas, así como foi socio correspondente da Real Academia Galega. Faleceu na estación de ferrocarril de Portas, ao tentar saltar do tren á plataforma, aínda estando en marcha.
Colaborou en moitos medios de comunicación, foi redactor de Gaceta de Galicia (baixo o alcume de Jereal), El Eco de Santiago, El Compostelano e El Correo Gallego e foi correspondente en Compostela de periódicos galegos e estatais, como Faro de Vigo ou La Prensa de Buenos Aires.
Casou en xaneiro de 1904 con Concepción Feás Mourelle (nada en 1879 e falecida en Santiago de Compostela o 27 de xuño de 1954) e foi pai dos tamén xornalistas José e Jesús Rey-Alvite Feás, así como doutros 6 fillos."
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía - Accesibilidad - Aviso legal - Mapa del portal