O  micrositio do Catálogo Colectivo do Patrimonio Bibliográfico de Galicia, dentro de Galiciana-Biblioteca  Dixital de Galicia, é o froito de máis de 30 anos de esforzos continuados. En 1985 publicouse a Lei do Patrimonio Histórico Español, cuxo Regulamento prevía a realización dun “catálogo colectivo”. A lexislación deixou claro que para o patrimonio bibliográfico prefería este termo ao de "inventario", cousa que non fixo no caso dos arquivos e museos. O "catálogo colectivo do patrimonio" fora un anhelo dos investigadores e bibliotecarios durante séculos, como se detalla na abundante bibliografía que o proxecto xerou desde os seus inicios. O  CCPBG é resultado do papel impulsor e supervisor do Centro Superior Bibliográfico de Galicia, agora Biblioteca de Galicia, e dos convenios de colaboración entre o Ministerio de Cultura e a Comunidade Autónoma de Galicia, o primeiro dos cales se asinou en 1989.

Durante estes máis de 30 anos traballouse en 42 bibliotecas. A catalogación do fondo antigo nestas bibliotecas realizouse en diferentes soportes en consonancia coa tecnoloxía dispoñible en cada momento. Nunha primeira etapa os rexistros bibliográficos realizábanse de forma manual aínda que esa forma de traballar non durou moito, xa que o CCPBG foi un dos primeiros na nosa comunidade en utilizar os sistemas automatizados de catalogación.

Ao longo da súa historia, os traballos de recompilación do patrimonio bibliográfico de Galicia realizáronse en diferentes programas de catalogación. Esta circunstancia derivou en que non existise unha base de datos común na que poder acceder a todos os rexistros bibliográficos e de exemplar das diferentes bibliotecas nas que se traballou. Desde o ano 2017 a Subdirección Xeral de Bibliotecas está a traballar para que que toda a información do patrimonio bibliográfico galego recollida ata o momento poida ser accesible a través dun único catálogo.

Finalmente considerouse que Galiciana-BDG sería unha boa plataforma para dar acceso a toda a información do patrimonio bibliográfico galego acumulada durante estas máis de tres décadas. A decisión de compartir o mesmo sistema de xestión bibliotecaria baseouse no obxectivo de tratar de conseguir que cada vez máis obras incluídas no CCPBG poidan consultarse na súa versión dixital.