Gelmírez, Diego, Arcebispo de Santiago de Compostela, ca. 1068-1140
(Santiago de Compostela, España, ca. 1068 - 1140)
Apuntes biográficos/históricosPrimeiro arcebispo de Santiago, é salientable a súa formación humanística e o seu labor como promotor de grandes obras arquitectónicas así como propiciador da flota mariña galega. Legado pontificio e señor feudal da Terra de Santiago, Don Diego Gelmírez deixou unha indeleble pegada na historia deste país.
Durante as catro décadas que ocupou a sede compostelá (1100-1140), a súa política de entendemento con Roma e co rei Afonso VI permitiulle agrandar a diócese, elevándoa ao rango arcebispal en 1120, e adquirir numerosos privilexios como o de acuñar moeda. Isto, xunto coa riqueza que as peregrinacións traían a Santiago, converteron a Gelmírez en gobernador de Galicia con amplos poderes eclesiásticos e políticos.
No que atinxe ao literario, Gelmírez mandou redactar a Historia Compostelana ou Rebus gesti e registrum da que se conserva unha copia na Catedral de Santiago. Escrita por cinco cóengos composteláns, os tres libros que a compoñen dan cumprida conta do contexto histórico, político, social, relixioso e xurídico da época.