Apuntes biográficos/históricos Domingo Puga (1842-1879) destacou, en palabras de Soto Freire, por seren o primeiro que en Galicia usou o sistema Marinoni para imprimir. Este libreiro, encadernador, editor e impresor naceu en Padrón. Pouco se coñece dos seus primeiros anos. Nalgún momento trasladouse á Coruña, onde abriu primeiro unha librería. Un tempo despois, concretamente en 1842, incorpora unha imprenta e, tres anos máis tarde, súmalle a litografía ao seu establecemento situado na herculina rúa Acevedo, número 80. Anos máis tarde se trasladaría o negocio á rúa Real, número 30. Pronto se sitúa coma un dos talleres de referencia para o núcleo intelectual, de perfil provincialista, afincado na Coruña. Así, por exemplo, publica a seguinte prensa: Fomento de Galicia (1845), El Liceo (1846), Boletín Mercantil e Industrial (1847), El Coruñés (1850), El Iris de Galicia (1857), El Fomento de Galicia (1858), La Ilustración de la Coruña (1860-1864) o La Semana Literaria (1878-1879). Sen dúbida, foi o gran impresor da prensa coruñesa da metade do século XIX. A información que manexamos, tan reducida e parcial, fainos crer que Domingo Puga tiña un gran establecemento en Acevedo 80, onde se ofrecía material de oficina con outros produtos variados. Basta con ler o anuncio, coa relación dos produtos en venda, que se recolle en La Ilustración de La Coruña (número 1362, 29 junio 1864): bolas de billar, máquinas de afiar, coitelos, gomas, papeis, cafeteiras, lavativas, camas, neceseres ou álbums fotográficos. Neste mesmo exemplar, tamén atopamos un anuncio con letras grandes: «Helados. En el Café de Puga se sirven exquisitos helados de varias clases».
Para a súa boa fortuna, Domingo Puga fíxose coa impresión do Boletín Oficial de la Provincia de La Coruña entre os anos 1849 e 1854. Máis adiante, tamén se encargaría da impresión do Boletín Judicial de Galicia (1857-1858). Entre os seus libros publicados encontramos autores coñecidos nas letras galegas (Un juramento cumplido, 1847, drama de José Puente y Brañas), mecenas locais (A Galicia cuando partí para América, 1860, de José Pascual López Cortón), historiadores (Antigüedades de Galicia, 1875, de Ramón Barros Sivelo), institucións socioculturais (Reglamento de la tertulia de La Confianza, 1861) ou o poder económico (Banco de La Coruña. Memoria de la Junta de Gobierno, 1864). Un libro de interese local foi publicado polo vasco Enrique de Vedia y Goossens (gobernador civil da Coruña), xa que se trata da primeira crónica local da cidade brigantina: Historia y descripción de la Ciudad de La Coruña (1845), saída das máquinas do impresor protagonista desta semblanza. Arredor de 1880, ano no que rexistramos un libro dado a luz na súa imprenta (El corazón de la infancia, máximas morales para las escuelas, de Manuel Panero Martínez), o seu fillo José Puga ponse á fronte do negocio. Anos despois, en concreto a finais de 1894, Eugenio Carré Aldao compraría toda a maquinaria da familia Puga.
Fontes consultadas1. Martínez González, Xurxo(2018). «Semblanza de Domingo Puga (1842-1879)». En Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes - Portal Editores y Editoriales Iberoamericanos (siglos XIX-XXI) - EDI-RED: http://www.cervantesvirtual.com/obra/domingo-puga-1842-1879-semblanza-928652/
2. Odriozola, Antonio, Barreiro, Xosé R. Hisotira de la imprenta en Galicia. La Coruña : Biblioteca Gallega, 1992. Páxinas 276-277.