Apuntes biográficos/históricosEstudou o bacharelato en Lugo e despois comezou a carreira militar, aínda que a deixou para dedicarse ao xornalismo. Iniciou as súas colaboracións en "El Regional" e "Galicia Moderna", e dirixiu "Galicia Liberal", en Santiago de Compostela. Marchou a Madrid, onde foi redactor de "La República" e colaborou en "La Guindilla" e "El Combate". Militante do federalismo republicano de Francesc Pi i Margall, participou no movemento revolucionario de 1886, polo que tivo que exiliarse en Portugal, onde fundou "El Galleguito" en Lisboa e colaborou en "España" e "A sentinela da Fronteira". Marchou a Francia en 1887 e regresou a Portugal ao ano seguinte. Coa amnistía de 1889 regresou a Galicia instalándose en Betanzos onde colaborou en "Las Riberas del Mendo" e "¡Ya Somos Tres!", e fundou os diarios "El Valdoncel" e "El Mendo". En Betanzos foi presidente do Ateneo Obreiro, do Centro Republicano Federal e do Orfeón Eslava. Tamén foi nomeado en 1890 cronista de Betanzos, sendo o primeiro cronista oficial da cidade. Na Coruña foi redactor do periódico republicano "El Telegrama" e foi elixido presidente da Xuventude Republicana Coruñesa. En 1892 marchou a Buenos Aires, onde fundou "El Pabellón Español", e un ano máis tarde trasladouse a Montevideo onde dirixiu "El Intransigente", foi xerente de "El Liberal" e dirixiu "El Socialista". Máis tarde, na localidade de Paysandú presidiu a Asociación Liberal de Socorros Mutuos e o Comité de Auxilios de Sicilia e Calabria e dirixiu o periódico "El Paysandú". En 1913 viaxou a Europa e participou, como delegado de colectividades suramericanas e europeas, no XVII Congreso Internacional de Libre Pensamento en Portugal. En 1914 participou en Lisboa nunha conferencia sobre o movemento agrario con Basilio Álvarez e Francisco Álvarez Pena. De volta en América, asistiu como delegado á Confederación Suramericana Pro-Paz, ao I Congreso Panamericano do Neno e ao Congreso de Bibliografía e Historia (como representante da Biblioteca América da Universidade de Santiago de Compostela). Instalado en Buenos Aires foi catedrático de Historia da Liga de Educación Racionalista e, en 1924, encargouse da dirección da revista "Céltiga". Novamente en Montevideo, dirixiu diversas emisións radiofónicas.