O Seminario de Estudos Galegos (SEG) foi unha institución creada en 1923 polo galeguismo para estudar e divulgar o patrimonio cultural galego e para formar investigadores.
Antón Losada Diéguez tivo a idea de crear un órgano que tivese como función poñer en valor a cultura galega, unha función que a universidade galega da época, a de Santiago, non cumpría ó desenvolver programas académicos alleos á realidade, á historia e á cultura galegas. Fórmase, pois, na casa de Losada en Pontevedra a Xuntanza de Estudos e Investigacións Históricas e Arqueolóxicas.
Paralelamente, como conta Lois Tobío Fernández, en 1923, Wenceslao Requejo Buet proponlle a un grupo de estudantes de primeiro de Dereito formar un grupo "cos que se interesasen por problemas de cultura, arte, literatura e historia principalmente, algo así como unha tertulia ou ateneo". Nese grupo, que primeiro collería xente como Filgueira Valverde, Ramón Martínez López, Manuel Magariños ou Lois Tobío Fernández, estenderíase despois a estudantes maiores (Fermín Bouza Brey, Romero Cerdeiriña...) e aos profesores, como Armando Cotarelo Valledor. De feito, foi Cotarelo quen lle deu o nome de Seminario de Estudos Galegos, que foi como pasou á historia.
Nunha xuntanza celebrada o 12 de outubro de 1923 en Ortoño (Ames), na casa onde vivira Rosalía de Castro, onde participan estes nove estudantes recollendo a tradición da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, acordan a creación do seminario. Ós poucos días, o 23 de outubro, intégranse nel boa parte da intelectualidade galeguista que se movía ó redor da revista Nós e asinan a acta fundacional no domicilio de Armando Cotarelo Valledor. Porén Lois Tobío sinala que Losada Diéguez non se sumou ao seminario nese momento inicial, senón pouco despois, canda o Grupo Nós, Castelao, Antón Villar Ponte, Manuel Lugrís Freire, Leandro Carré Alvarellos ou Gonzalo López Abente.
No escudo, deseño de Castelao, a tipografía discorre sobre dous círculos concéntricos que xiran arredor dun cáliz con cinco estrelas e unha pomba, coas lendas SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS · COMPOSTELA e DEUS · SCIENTIA · GRATRESQUE · GALLÆTIÆ.
Nos anos seguintes incorporaríase a maior parte de intelectualidade galeguista, dende o arquiveiro do concello de Santiago de Compostela, Pablo Pérez Costanti, ata o arcebispo Manuel Lago González, pasando por Ramón María Aller, Federico Maciñeira ou Xesús Carro.
En 1925 Cotarelo trasládase a Madrid e a presidencia pasa a Salvador Cabeza de León. Comezan tamén a recibir axudas económicas e en 1927 empezan a publicar os Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, que editará Ánxel Casal e que recompilará as publicacións da institución. Con anterioridade os seus produtos editábanse a través da Real Academia Galega. Contou con local propio desde 1925, situado nos baixos do Colexio Maior San Clementee pasou de contar con só un cento de asociados nos seus comezos a chegar aos 500 no curso 1925-1926.
O programa do Seminario fíxase os seguintes obxectivos: "o estudo de todas as manifestacións da cultura galega, tendendo á formación dos investigadores e á divulgación do resultado dos traballos".
O SEG estaba estruturado en doce seccións e utilizaba como método de traballo os equipos interdisciplinarios e aínda que non todos os traballos feitos estiveran en galego, é certo que foi o SEG quen por primeira vez utilizou a lingua galega de xeito significativo para facer traballo científico, mesmo sendo obrigatorio a lectura dun traballo orixinal en galego para adquirir a condición de socio numerario. As doce seccións, e os seus presidentes, son as seguintes:
Sección de Filoloxía, coordinador Armando Cotarelo Valledor
Sección de Arte e Letras, coordinador Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Sección de Etnografía, coordinador Vicente Risco
Sección de Historia, coordinador Cabeza de León, presidente do Seminario de 1925 a 1934
Sección de Prehistoria, coordinador Florentino López Cuevillas
Sección de Xeografía, coordinador Otero Pedrayo
Sección de Historia da Arte, coordinador Xesús Carro
Sección de Historia da Literatura, coordinador Xosé Filgueira Valverde
Sección de Pedagoxía, coordinador Manuel Díaz Rozas
Sección de Ciencias Aplicadas, coordinador Manuel Gómez Román
Sección de Ciencias Naturais, coordinador Luís Iglesias
Sección de Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas; coordinador Lois Tobío Fernández
Entre os obxectivos do Seminario estaba a creación de estudos das comarcas galegas, a través de cada unha das súas seccións científicas, e destes traballos publicaron varios libros:
-Vila de Calvos: notas etnográficas e folklóricas, 1930, Florentino López Cuevillas e Xoaquín Lourenzo Fernández.
-Terra de Melide, 1933, Editorial Nós.
-Parroquia de Velle, 1936, Florentino López Cuevillas, Vicente Fernández Hermida e Xoaquín Lorenzo Fernández.
En 1936 o SEG, tras trece anos de actividade, foi desmantelado polo novo réxime xurdido do 18 de xullo. En 1944 co patrimonio do SEG creouse o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento dependente do CSIC.
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal