Apuntes biográficos/históricosNacido na Coruña, cursou estudos de Matemáticas e Medicina, primeiro en Santiago e logo en Madrid, época na que tivo problemas coa Inquisición polas súas ideas liberais derivadas da lectura dos filósofos ilustrados do s. XVIII. En Madrid fundaría, xunto a Casiano de Prado o xornal radical "El Conservador".
Foi o seu acceso en 1823 á dirección do Xardín Botánico da Habana e á de profesor da Escola Agrícola da mesma cidade a que marcou o principio dunha prolífica carreira como naturalista, sociólogo, historiador e economista. Establecido en París á súa volta a Europa, compaxinou a súa actividade investigadora con labores xornalísticas e coa actividade como deputado a Cortes, representando á súa cidade natal.
A obra deste polifacético autor, que sufriu unha constante evolución e maduración ao longo da súa carreira, garantiulle xa en vida méritos suficientes como para ingresar en numerosas Academias, como a de Ciencias Morais e Políticas do Instituto de Francia, a Sociedade de Agricultura de New York, a Academia de Ciencias Naturais de Filadelfia ou a Real Academia de Medicina e Cirurxía de Barcelona entre outras.