(Santiago de Compostela, España, 1797 - Madrid, España, 1866)
Apuntes biográficos/históricosXeólogo e enxeñeiro de minas, estudou Matemáticas e Ciencias Naturais en Santiago de Compostela, lugar onde coñeceu a Ramón de la Sagra, cuxa influencia había ser decisiva na súa vocación naturalista. Nomeado enxeñeiro e bibliotecario da Dirección de Minas en 1834, desempeñou cargos como inspector de Minas de Aragón e Cataluña, da Mancha, Asturias e Galicia. Participou asimesmo como vocal na comisión encargada da confección do mapa xeolóxico de España, sendo o responsable do correspondente á provincia de Madrid que, pola súa avanzada concepción, foi por moito tempo un modelo a imitar.
Foi un dos precursores da visión da xeoloxía como unha ciencia aplicada (propiciou a creación dunha comisión permanente de Xeoloxía Industrial) e un dos primeiros paleontólogos modernos de España, disciplina na que se forma co profesor Leopoldo de Verneuill. O seu traballo foi recoñecido especialmente no estranxeiro, sendo nomeado membro das Sociedades Xeolóxicas de Londres e de Francia o mesmo ano (1862) e posteriormente admitido, en 1866, na Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais Españolas.
Compaxinou o seu traballo profesional coa actividade xornalística. Colaborou co Observatorio Pintoresco (Madrid, 1837) e foi editor de El Tarraconense.