Apuntes biográficos/históricosFoi un lingüista, estenógrafo, intelectual galeguista e profesor catedrático de Taquigrafía, inventor da taquideografía, o sistema máis veloz de escritura coñecido.
Recibiu unha educación bilingüe en inglés e francés desde a infancia no Colexio Políglota dos Irmáns Maristas de Pontevedra. En 1920 iniciouse no estudo da taquigrafía como discípulo do calígrafo Luciano Rodríguez Requena segundo o método martiniano, e nos anos seguintes especializouse no sistema Pitman baixo a tutela do mestre Benjamín T. Rodríguez, graduándose co título de taquígrafo bilingüe español-inglés pola Escola Politécnica Nacional de La Habana en 1925.
Obtivo por oposición nacional a cátedra de profesor de Taquigrafía e Mecanografía, e nun mesmo ano aprobou as trinta materias do Bacharelato examinándose por libre, á vez que preparou e gañou oposicións ao Corpo de Administración Civil do Estado con exame de inglés, francés e alemán, quedando adscrito á Secretaría do Ministerio de Obras Públicas en Madrid.
Ao cabo dun ano ingresou por oposición no Maxisterio coa mellor cualificación da súa promoción, e tras completar os seus estudos e o ano de prácticas titulouse como Mestre Nacional de Grao Profesional. Mentres cursaba Maxisterio licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela con especialidade na Sección de Historia, superando a carreira en apenas tres sesións de exames. Recentemente licenciado, cursou estudos empresariais e titulouse como Profesor Mercantil pola Escola Profesional de Comercio da Universidade da Coruña, e en 1959 gañou por oposición municipal en Vigo unha segunda cátedra de profesor de Taquigrafía e Mecanografía, completando así un total de catro titulacións, catro oposicións e dúas cátedras.
Á marxe da súa formación académica pasou a súa vida estudando de maneira autodidacta. Profundou constantemente na súa vocación pola lingüística e as matemáticas, cultivou o seu interese por disciplinas tan diversas como a física, a psicoloxía, a historia, a arte, a astronomía, o dereito ou a agronomía, e ademais de haber aprendido español e galego como linguas maternas e inglés, francés, latín e grego na escola e na universidade, estudou pola súa conta alemán, portugués e, con máis de oitenta anos, italiano.
Wikipedia
Formas alternativas del nombreLesteiro López, Manuel, 1907-1999
Lesteiro, Manuel
Fuentes consultadas1. Autores galegos na BUSC. Visitado o 28 de maio de 2020 http://www3.usc.es/busc-autoresgalegos/autoridadesdet.asp?ida=2632
2. Catálogo de autoridades da Biblioteca Nacional de España. XX1342332. Visitado o 28 de maio de 2020