Apuntes biográficos/históricosFoi un partido fundado en decembro de 1931 de carácter nacionalista galego e con relevancia na política da Segunda República. O seu órgano de prensa foi A Nosa Terra e a sección xuvenil, a Federación de Mocedades Galeguistas, fundouse en xaneiro de 1934 e contaba con 1.000 afiliados.
O 5 e 6 de decembro de 1931 o Partido Galeguista de Pontevedra convoca a VII Asemblea Nacionalista co propósito de crear un partido nacionalista. Á convocatoria acoden 32 grupos e irmandades, entre os que destacan o Grupo Autonomista Galego de Vigo, Labor Galeguista e o Partido Nazonalista Republicán de Ourense. Tamén participan representantes da Federación de Sociedades Galegas da Arxentina e da sección arxentina da ORGA.
Nesta Asemblea decídese a disolución das Irmandades da Fala integrándose os seus membros no Partido Galeguista que nace nese momento. O acordo de constitución reclama, por primeira vez na historia de Galicia, o dereito de autodeterminación e proclama, como primeiro obxectivo político, a redacción dun Estatuto de Autonomía. Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Ramón Otero Pedrayo forman parte do Consello Executivo.
En 1932 participou xunto co Partido Republicano Gallego e Acción Republicana no Comité de Propaganda do Estatuto, ao tempo que se preparaba para participar en solitario, ou en candidaturas conxuntas cos agraristas, nas eleccións municipais de abril de 1933, nas que só obtivo un concelleiro en Ourense e a maioría, aliado cos agrarios, en Tui, estes malos resultados levaron ao sector progresista do PG a favorecer pactos cos partidos republicanos, ao que se opuña o sector conservador liderado por Vicente Risco.
Na Asemblea Extraordinaria de outubro de 1933 impuxéronse as teses de Vicente Risco e o PG concorreu ás eleccións xerais de 1933 en solitario, os 106.000 votos que obtivo non lle serviron para conseguir deputado ningún, e o novo goberno de dereitas paralizou a tramitación do Estatuto de Autonomía.
Despois da folga xeral revolucionaria de 1934, na que o PG non participou, o goberno, suspendeu A Nosa Terra e desterrou a Castelao e Bóveda, descabezando o PG e provocando un descenso momentáneo da militancia, pero ao tempo favoreceu a formación dunha alianza cos republicanos de esquerda que fixera posible a aprobación do Estatuto.
Na III Asemblea do PG, celebrada en Ourense o 13 e 14 de xaneiro de 1934 aprobouse coa oposición de Risco a alianza estratéxica cos republicanos e socialistas, ratificada na IV Asemblea do PG, celebrada en Santiago de Compostela o 20 e 21 de abril de 1935, coa oposición de Ramón Otero Pedrayo, o que provoca a escisión dun sector da dereita do PG, encabezada por Vicente Risco que formou a Dereita Galeguista.
En xuño de 1935 o PG comezou a negociar con Izquierda Republicana, e na Asemblea Extraordinaria do 25 de xaneiro de 1936 celebrada en Santiago de Compostela aprobouse o ingreso do PG na Fronte Popular para concorrer nas eleccións xerais de 1936.
Saíron elixidos Castelao en Pontevedra e Suárez Picallo e Vilar Ponte na Coruña.
O 28 de xuño de 1936 cúmprense os compromisos expresados pola FP e plebiscítase favorablemente o Estatuto.
Tras a sublevación do 18 de xullo de 1936 que puxo fin á actividade do PG en Galicia, comezou a represión dos militantes galeguistas, algúns dirixentes como Johán Carballeira, Ánxel Casal, Manuel Lustres Rivas, Camilo Díaz Baliño, Víctor Casas ou Alexandre Bóveda foron fusilados, outros marcharon ao exilio.
En 1937 o PG abriu unha delegación en Barcelona, e publicou o voceiro Nova Galicia entre abril de 1937 e xullo de 1938 dirixido por Castelao e Suárez Picallo. A prioridade foi a unidade das forzas democráticas para salvar a República e manter o facho do galeguista acceso.
Trala caída de Cataluña os galeguistas pasaron a Francia e dende alí dirixíronse a diversos países de América.
Desde a fin da guerra civil comezaron os contactos entre galeguistas para tratar a conveniencia de refacer as estruturas no partido no interior. Unha das súas grandes prioridades foi establecer contacto co resto da oposición galega e cos nacionalistas vascos e cataláns, e así en 1944 o PG integrouse na Junta Gallega de Alianza Democrática con CNT, PSOE, UXT e os agrarios. Tras a detención de Ramón Piñeiro en 1946 foi Fermín Penzol o que mantivo o contacto co resto das forzas da oposición. A partir 1949 logo da saída do cárcere de Piñeiro e diante o desánimo dos militantes de base que non vían que a acción clandestina lograse resultados o PG guiado por Piñeiro apostou por unha estratexia culturalista, aproveitando as escasas posibilidades que ofrecía o franquismo, en aberta contradición cos galeguistas do exilio.
A fundación de Galaxia o 25 de xullo de 1950 supuxo a autodisolución do PG en Galicia, vencellándose os seus antigos militantes ao novo proxecto editorial.
En 1932 fundouse a Organización Nazionalista Repubricana Galega, filial do PG en Buenos Aires, tralo pase da sección arxentina da ORGA, contaba con 150 afiliados dirixidos por Rodolfo Prada, en 1936 co inicio da guerra civil muda o nome a Grupo Galeguista de Bos Aires, nese momento tiña 103 afiliados. En 1941 toma o nome de Irmandade Galega e en 1942 reaparece A Nosa Terra, coincidindo coa chegada masiva de exiliados galeguistas a Bos Aires, entre os que destaca Castelao.
En outubro de 1944 constitúese o Consello de Galiza baixo o impulso da Irmandade Galega e Castelao.
A Irmandade Galeguista do Uruguai é o nome da sección do PG en Uruguai, dirixida por Manuel Meilán.
O programa político do Partido Galeguista era nas súas liñas xerais continuador do formulado polas Irmandades da Fala nas súas diversas asembleas,Galicia como unión cultural, proclamaba a autodeterminación política de Galicia que se traducía como aspiración mínima na constitución dun Parlamento e un Goberno galego dentro da Constitución da República. A eliminación do caciquismo, o antiimperialismo, a igualdade política da muller, a supresión das deputacións provinciais, o recoñecemento da parroquia como entidade política-administrativa básica, a oficialidade da lingua galega e a reforma agraria eran outros dos elementos do seu programa.
Galipedia