Apuntes biográficos/históricosNavegante, cosmógrafo, soldado, matemático, historiador e estudoso das linguas clásicas, é unha das máis sobranceiras figuras entre os navegantes do século XVI. Hai dúbidas sobre o seu lugar e data de nacemento. Nun documento dirixido á Inquisición declaraba ter nacido en Alcalá de Henares en 1532, pero a súa infancia transcorreu en Pontevedra, terra do seu pai, e que el mesmo identifica como o seu lugar de nacemento nun escrito sobre a Expedición ao estreito de Magallanes dirixido ao rei. Coñecido por algúns coma o Cabaleiro de Galicia segundo cita Filgueira Valverde, serviu a Carlos V nas guerras en Europa entre 1550 e 1555, ano no que parte cara a América. A súa figura vai estar indisolublemente ligada á exploración e colonización do Novo Continente. Participante na expedición de Álvaro de Mendaña que descubriu as Illas Salomón, e logo na Visita Xeral decretada polo virrei Toledo (1570-1575) da que xurdiu a súa obra Historia de los Incas.
Foi nomeado gobernador e capitán xeral das terras do Estreito de Magallanes, onde viaxou en dúas ocasións loitando para conter as incursións do corsario Drake. Ficou preso duas veces, polos ingleses e logo polos hugonotes franceses, cando volvía a España. Tras o seu regreso en 1590, Filipe II nomeouno Almirante da armada encargada da escolta das naves que traían ouro e prata de América, morrendo na travesía.
Os seus méritos como navegante, únense ao ter ideado un aparello de orientación en alta mar e de ter trazado moitos mapas e cartas xeográficas. A súa Historia de los Incas escribiuna baseándose nunha enquisa entre os indíxenas anciáns e españois supervivintes das primeiras conquistas. Lonxano precedente dalgúns métodos antropolóxicos, o seu valor historiográfico non ten feito senón acrecentarse co tempo.