Apuntes biográficos/históricosRamón María Aller Ulloa, nado no pazo de Filgueiroa de Donramiro (Lalín) o 3 de febreiro de 1878 e finado na vila de Lalín o 28 de marzo de 1966, foi un astrónomo galego, ademais de sacerdote e matemático.
Fillo do notario de Lalín Domingo Enrique Aller Rodríguez e afillado do deputado Ramón Villar Ulloa, comezou a estudar no Colexio dos xesuítas de Camposancos, na Guarda, e continuounos no seminario de Lugo.
Con vinte anos obtivo un doutoramento en teoloxía. Foi ordenado sacerdote con dispensa de dous anos, e, aos 26, acadou como alumno libre unha licenciatura en Ciencias Exactas pola Universidade de Madrid. Na década de 1910 construíu na súa casa, en Lalín, o primeiro observatorio astronómico de Galicia.
En 1939, encárgase de explicar xeometría analítica e análise matemática na Universidade de Santiago de Compostela. En 1943 constrúese un observatorio na Universidade de Santiago onde trasladan os instrumentos de Lalín e en 1944 créase a Cátedra de Astronomía para el.
En 1945 crea a sección de Astronomía Teórica e Matemáticas Durán Loriga, xerme do que logo sería a Facultade de Matemáticas. Durante os anos 40 e 50 o observatorio atópase en pleno rendemento publicándose eses traballos en "publicaciones del observatorio de Santiago".
En 1948 é nomeado membro da Comisión 26 da Unión Astronómica Internacional de Zúric e publica o libro "Astronomía a simple vista". O ano seguinte, en 1949, é nomeado membro da Comisión Nacional de Astronomía. Entre 1960 e 1963 dirixe tres teses doutorais.
Ramón María Aller foi membro do Seminario de Estudos Galegos onde ingresou no ano 1928, cun discurso de entrada titulado "D. José Rodríguez González: o matemático de Bermés".
Inventou aparellos de medición e observación, algúns deles foron adoptados polo observatorio de París. Dominaba dez idiomas.
Foi nomeado catedrático e director vitalicio do observatorio de Santiago de Compostela, cóengo de honra da Catedral de Santiago, e fillo adoptivo da cidade de Santiago.
En 1960 Galicia recoñece o labor de Ramón M. Aller cun gran homenaxe en Lalín, no 2010 adícaselle o Día da Ciencia en Galego, e no 2011 a Real Academia Galega de Ciencias adícalle o Día do Científico Galego dese ano.
A Aula Magna da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela leva o seu nome, así como o observatorio astronómico desta universidade.
Formas alternativas del nombreAller Ulloa, Ramón María, 1878-1966
Aller Ulloa, Ramón M., 1878-1966
Aller Ulloa, Ramón Mª, 1878-1966
Aller, Ramón María, 1878-1966
Fuentes consultadas1. Catálogo de autoridades da Biblioteca Nacional de España. XX920561. Visitado o 7 de abril de 2022