Apuntes biográficos/históricosNacida o 2 de marzo de 1880 na Coruña, educouse nun ambiente familiar culto e liberal. O seu pai, o escritor Avelino Barbeito Hermosilla, admirador de Concepción Arenal, recibía regularmente La Voz de la Caridad, e neste xornal María Barbeito descubriu as primeiras letras e tamén a socióloga ferrolá: "invoco lo que pudiera llamarse mi rancio abolengo de admiración a la gran mujer, inoculada ya en parte por herencia". Cursou estudos primarios na Anexa da Escola Normal e a carreira de Maxisterio no mesmo centro. Obtivo o título de Mestra Superior aos 16 anos. Número un nas oposicións en 1901, elixiu destino na Escola Nacional da Guarda, centro que dirixiu desde 1915 a 1936 e no que aplicou unha nova filosofía educativa que o converteu en referencia obrigada para o maxisterio galego. Naquela escola puxo en marcha numerosas iniciativas de carácter pedagóxico, complementadas con cursos, conferencias, artigos, libros, intercambio con profesionais da educación, visitas a outros centros, etc. Alcanzou enorme prestixio polos seus métodos renovadores: implantou en Galiza por primeira vez o método Montessori, cando só se fixera del unha aplicación no resto do Estado, e introduciu tamén o método Decroly. En 1933 accedeu por concurso de méritos entre o profesorado español ao cargo de Inspectora, cargo mal acollido polo Corpo de Inspección, que o recorreu sen éxito, porque non aceptaba con agrado que unha mestra o ocupase. No desempeño desta actividade potenciou os contactos con outros mestres e mestras, creou un Centro de Colaboración para intercambiar ideas, unha Biblioteca de Consulta para Maestros e compuxo un Plan de Lectura Global para as escolas da súa zona.
Profesional e humana, concedía grande importancia ás relacións persoais: o diálogo, a cordialidade, o compañeirismo, o respecto, presidiron o seu traballo na comunidade educativa porque, segundo afirmou, "la escuela nueva se basa en el respeto, en el derecho de gentes, en la fraternidad, en la igualdad". Consciente de que para continuar co seu labor de reforma educativa era vital a comunicación científica e pedagóxica con profesorado doutros países, en 1935 emprendeu unha viaxe polas escolas de Francia, Bélxica, Holanda, Suíza e Italia, pensionada pola Junta de Ampliación de Estudios, cuxos resultados plasmou en Países y escuelas (1975). Quería informarse de como ensinaban a nenos e nenas coa finalidade de trasladar ao profesorado da Coruña novos conceptos e nova metodoloxía.
Paralelamente ao traballo docente realizou un importante labor social. Un dos problemas máis reiterados nas súas publicacións é o da relación entre a saúde física e mental das criaturas. En sintonía co método decrolyano, que concede atención especial ás necesidades básicas de nenos e nenas (alimento e abrigo, defensa, traballo solidario, descanso e xogo), tratou de atender ao seu benestar social, na seguridade de que a mellora nas condicións de vida redundaría no seu desenvolvemento mental; ideas que expuxo en diversos textos e levou á práctica nas institucións asistenciais auspiciadas por ela como El Niño Descalzo (1906) e o Comedor y Ropero Da Guarda (1921). Participou na dirección das Colonias Escolares para Niños Pretuberculosos e en: Cantinas Escolares Concepción Arenal, Junta de Protección de la Infancia, Gota de Leche, Casa Cuna, Tribunal Tutelar de Menores, e foi a primeira e única presidenta da Asociación Concepción Arenal para la Protección y Rehabilitación del Preso, fundada en 1931.
Foi, así mesmo, unha firme defensora dos dereitos das mulleres e traballou pola súa emancipación social, cultural e profesional. Dos traballos dedicados a esta temática salienta La Mujer, antes, ahora y después, unha conferencia impresa en 1934, pronunciada na Agrupación Republicana Femenina da Coruña, que presidía naquela altura Amparo López Jean; lúcido ensaio de enorme interese, cuxos postulados aínda se poden subscribir na actualidade, no que analiza a evolución da educación feminina e estabelece a capacidade das mulleres para o gozo de todos os dereitos sen distincións. Nesta mesma liña, difundiu a obra da penalista ferrolá Concepción Arenal, á que dedicou o artigo "Mi tributo" (Centro Obrero de Ferrol, xaneiro de 1933).
Significouse como publicista (desde 1906 a 1936) e colaborou en numerosas revistas e xornais con artigos de contido pedagóxico e social: Revista Gallega, Adelante, El Nuevo Magisterio, Galicia, La Unión Escolar, El Magisterio de Galicia, Marineda, Boletín del Dispensario Antituberculoso, Galicia, Revista del Centro Gallego de Montevideo, Boletín de la Real Academia Gallega, La Voz de Galicia, El Regional, La Idea Moderna, El Eco de Orense, El Norte de Galicia, El Orzán, El Pueblo Gallego, El Ideal Gallego.
A sublevación de 1936 cortou a súa brillante traxectoria profesional. Á inxustiza do proceso que puxo fin á súa carreira docente respondeu con admirable dignidade. Acusada de diversos cargos "ser de ideas políticas de avanzado esquerdismo republicano; decidida partidaria da coeducación; facer labor antirrelixioso e perseguir as escolas confesionais, descoidar a formación moral das súas alumnas, entre outros", a Comisión Depuradora do Maxisterio resolveu, en novembro de 1937, a separación definitiva do servizo e, en 1941, procedeuse á súa xubilación forzosa. Comezou entón para ela unha nova etapa, centrada na actividade como escritora: sistematizou o pensamento de Concepción Arenal en Breviario humano: antología de pensamientos (1949) e traduciu libros do francés, algúns con estudos preliminares como La Condesa de Noailles (1962), que acompañaba a tradución de Le livre de ma vie. A maior parte destas traducións ficaron inéditas. Foi membro correspondente da Real Academia Galega, formou parte da sección pedagóxica do Instituto de Estudios Gallegos, estaba en posesión da Cruz de Beneficencia de Primera Clase e foi distinguida coa Cruz de Alfonso XII.
María Barbeito morreu o 20 de novembro de 1970. Foi, en palabras de Amparo López Jean, "una de las más eminentes mujeres gallegas de la época actual y una de las glorias más indiscutibles del profesorado español". O historial da súa actuación e servizos, o talento, a paixón educadora, a humanidade, a integridade e o amor á xustiza e á liberdade sitúana á par doutras galegas ilustres como María Luz Morales, Emilia Pardo Bazán ou Concepción Arenal. Como esta última, a quen admirou desde nena, pensaba que "las cosas justas que empiezan por desearse acaban por conseguirse".
Formas alternativas del nombreBarbeito Cerviño, María, 1880-1970
Barbeito de Martínez Morás, María, 1880-1970
Barbeito y Cerbiño de Martínez Morás, María, 1880-1970
Barbeito, María, 1880-1970
Barbeito de Martínez Morás, María
Fuentes consultadas1. Autores galegos na BUSC. Visitado o 22 de marzo de 2021 http://www3.usc.es/busc-autoresgalegos/autoridadesdet.asp?ida=434
2. Catálogo de Autoridades da Biblioteca Nacional de España. XX1098809. Visitado o 22 de marzo de 2021