Apuntes biográficos/históricosCursou estudos eclesiásticos no Seminario lucense e na Universidade Pontificia de Comillas, sendo ordenado presbítero en 1922. No ano 1937 foi designado Cóengo Lectoral de Lugo e Reitor do Seminario. Foi doutor en Filosofía e Teoloxía e Licenciado en Dereito Canónico.
Foi nomeado en 1945 membro correspondente da Real Academia da Historia. Ocupou o cargo de Presidente da Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos desde febreiro de 1948 ata o seu falecemento, e no ano 1958 foi nomeado membro da Comisión para a conservación de edificios e obxectos eclesiásticos, sendo tamén vocal do Centro de Estudos Xacobeos de Santiago de Compostela.
Como Director do diario de Lugo La Voz de la Verdad, cargo que tivo durante varios anos, realizou unha meritoria función, publicando nel varias poesías.
Foi membro correspondente da Real Academia Galega desde decembro de 1942, e numerario desde o 3 de febreiro de 1946 aínda que non tomou posesión ata o 14 de xuño de 1952, nun solemne acto que tivo lugar no salón de Actos do Círculo das Artes. O discurso de ingreso, Una curiosa singularidad de la diplomática lucense en los siglos de la alta Edad Media, estuda as invocacións marianas na Catedral de Lugo na alta Idade Media.
Amosou sempre un especial amor a Galicia e a Sarria, sendo proverbial a súa capacidade de traballo, que o levou a coñecer como ninguén os arquivos locais, dando luz a moitos traballos de investigación histórica. O Concello de Sarria, en sesión de 15 de xullo de 1947, a proposta do alcalde Antonio Peña Villamarín, nomeouno Fillo Predilecto.
Erudito comprometido con Galicia, foi sobre todo home de Igrexa, e por moitos anos o encargado da formación dos futuros sacerdotes, como Reitor do Seminario. Correspondente da Academia da Historia e vogal da Xunta do Museo de Lugo, as súas vacacións en Sarria adicounas decote a investigar nos arquivos, sentando así as bases da historia local, dun modo rigoroso.