O catedrático de Fisioloxía e Bioquímica nas universidades de Santiago, Sevilla, Granada, Salamanca e Valencia e figura internacional de primeira orde na súa especialidade, sostivo unha moi estreita relación con Santiago, onde permaneceu 7 anos como catedrático de Fisioloxía humana, teórica e experimental e onde fomentou a investigación científica, consolidou unha escola fisiolóxica e foi membro numerario de institucións tan importantes como o Seminario de Estudos Galegos. Estivo pensionado dúas veces pola Universidade de Santiago e tres pola Junta de Ampliación de Estudios para ampliar estudos en centros estranxeiros.
Nacido ocasionalmente en Ronda (Málaga) en 1898, onde seu pai traballaba nunha compañía francesa como enxeñeiro de Camiños, a familia de José García-Blanco Oyarzábal instalouse de inmediato en Madrid, onde estudou a carreira de Medicina, que rematou en 1920 con nota de sobresaliente. Recén licenciado traballou no Laboratorio de Química da Facultade de Farmacia e, un ano despois, no Laboratorio de Bioquímica de Friburgo. No curso 1924-25 foi elixido para formar parte do Laboratorio de Fisioloxía instalado na Residencia de Estudiantes polo Dr. Juan Negrín, que estimulaba aos seus alumnos e discípulos a saír ao estranxeiro, sobre todo a Alemaña, onde García Blanco, pensionado pola JAE, completou a súa formación cos profesores Knoop, Müller, Thannhauser e Krehl. En 1926, seis anos exactos despois de rematar a carreira, gañou a cátedra de Fisioloxía da Universidade de Granada, que permutou pola de Santiago. Un ano despois de asentarse na cidade foi becado pola Universidade de Santiago de Compostela para, como 10 anos antes fixera Juan López Suárez, traballar con P.A. Levene na sección de Bioquímica do Instituto Rockefeller de Nova York sobre o metabolismo glicídico, en especial o da xilosa, galactosa, lactosa e dihidroxiacetona.
Dos sete anos de García Blanco en Compostela é salientable o seu labor investigador, a súa preocupación por incorporar a Bioquímica á formación médica e dotar a esta dun carácter experimental. Consolidou unha escola de fisiólogos que se ía ver afectada coa súa marcha, e quedan como froitos a publicación de traballos de investigación e a creación dunha Escola de Fisioloxía, na que os seus discípulos máis representativos serían os auxiliares Ulpiano Villanueva e Ramiro Sánchez Calvo, sendo este último o que o substituíu en 1934; tamén cómpre sinalar ao axudante Cándido Masa e o alumno interno Francisco Comesaña, moi coñecido tamén pola represión á que foi sometido tralo estourido bélico de 1936 e a quen Manuel Rivas lle outorga un papel protagonístico na súa novela O lapis do carpinteiro (Vigo, 1998). A última etapa de García-Blanco en Santiago coincidiu coa de Rodríguez Cadarso no reitorado, co que se identificou porque puxo en marcha unha profunda renovación da investigación científica concretada en convenios de colaboración con universidades estranxeiras, bolsas para alumnos e profesores, Instituto de Idiomas, creación de laboratorios, etc.
Mentres tanto, os membros do Seminario de Estudos Galegos tentaban ampliar as seccións máis alá das relacionadas coas letras e as ciencias históricas, que eran as que imperaban e, así, despois de que ingresaran Luís Iglesias e Parga Pondal, entraron en contacto con García-Blanco para crear a sección de Fisioloxía, que ingresou o 15 de xaneiro de 1929 pronunciando o discurso que versou sobre De la hidroxiacetona en el organismo humano, publicado nese mesmo ano nos Arquivos do SEG co título de El mecanismo de acción de la dihidroxiacetona en el organismo humano. Tamén nos Arquivos do SEG, como obra da sección de Fisioloxía, García-Blanco publicou Sobre la regulación hormonal de la economía hídrica en el tejido celular subcutáneo (1929), resumo do traballo lido en 1927 na Sociedad Española de Biología, no que aparece claramente expresado o papel antagonista das hormonas tiroidea e gonándica no recambio hídrico do tecido celular. En colaboración con I. Parga Pondal -a quen unía certa relación familiar, pois ambos estaban casados con sendas fillas de Henrique Peinador, filántropo e creador do Balneario de Mondariz- creou nesta estación termal un laboratorio de análises e en coautoría publicaron El mecanismo de acción de la dihidroxiacetona en el organismo humano (1929). Neste traballo relatan as experiencias feitas para comprobar a hipótese de que a rápida subida do cocente respiratorio e o efecto hipoglucemiante que produce a triosa estudada pode explicarse pola produción reflexa de insulina de forma máis rápida e intensa que a producida pola glucosa.
García-Blanco estaba de tal xeito integrado na vida cultural e política galega que foi un dos profesores universitarios que en febreiro de 1933 asinaron un manifesto de intelectuais titulado Al servicio del Estatuto, apoiando o texto saído da Asemblea de Municipios do Nadal anterior. Tamén foi dos catedráticos progresistas que participaron no ciclo de conferencias organizadas pola FUE. A principios de 1932 impartiu unha charla co título Organización de las Universidades en España, na que analizaba a pouca disposición da sociedade española para desenvolver a investigación e as dificultades do profesorado para levar a cabo este labor.
En virtude de concurso de traslado, en 1934 García-Blanco abandona Compostela e toma posesión como catedrático de Fisiología da Universidade de Sevilla e, ao mes seguinte, da de Granada, onde permanece un curso. En Salamanca exerce seis anos e en 1941 establécese de forma xa definitiva en Valencia como catedrático de Fisioloxía Xeral e Especial ata a data da súa xubilación, en 1968. Nese curso García Blanco mostrouse receptivo ás demandas das loitas estudantís e foi dos poucos profesores que aceptou examinar no cárcere aos alumnos detidos.
En 1936 redactou a súa obra máis completa, que como consecuencia da Guerra Civil non se publicou ata 1940, cando era catedrático en Salamanca: Manual de Química Fisiológica con aplicaciones a la Medicina. A súa produción científica posterior, con máis de cen obras e múltiples reedicións, converteron a García-Blanco Oyarzábal nunha figura de magnitude internacional na súa especialidade. Foi conselleiro do Padroado Ramón y Cajal do CSIC, xefe da sección da Fisioloxía Xeral do Instituto Español de Fisioloxía e Bioquímica do CSIC e membro da Asociación Internacional de Bioquímica. Morreu en Valencia en xaneiro de 1973, aos 74 anos de idade.
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía - Accesibilidad - Aviso legal - Mapa del portal