Apuntes biográficos/históricosTeodosio Vesteiro Torres, nado en Vigo o 12 de xuño de 1847 e finado en Madrid o 12 de xuño de 1876 foi un músico, xornalista e escritor galego.
Os seus pais foron Juan María Vesteiro Barbeito, oficial de infantería, natural de Lugo, e Antonia Torres Fernández, natural da Coruña. Ingresou no Seminario de Tui en 1860, onde ocupou unha cátedra de Humanidades e foi bibliotecario, clasificando e ordenando os máis de 6 000 libros alí existentes. Comezou a escribir no Boletín Eclesiástico del Obispado de Tuy. Foi vicepresidente da sociedade La Juventud Católica del Miño, redactor de La Juventud Católica de Tuy e director da orquestra da catedral de Santa María. En 1871 abandonou os estudos eclesiásticos e trasladouse a Madrid onde exerceu o ensino musical, residindo na casa dos seus curmáns Lorenzo Quintero e Emilia Calé. En 1872 morreu a súa nai, suceso que lle afectaría fondamente.
Colaborou en El Heraldo Gallego (Ourense), Revista Galaica (Ferrol), La Concordia e La Caridad-El Desengaño (Vigo). En 1875 fundou en Madrid a asociación Galicia Literaria, da que anos despois tomou o seu nome a revista Galicia Literaria. Escribiu en castelán, mais a maioría das súas obras son de temática galega seguindo a ideoloxía galeguista.
Despois de destruír os seus traballos de xuventude, suicidouse no Paseo do Prado disparándose un tiro cun revólver, na madrugada do 12 de xuño de 1876, deixando dúas cartas de despedida, unha a Manuel Curros Enríquez e outra a Valentín Lamas Carvajal.
Galipedia