(Cangas de Onís, España, 1861 - Madrid, España, 1928)
Apuntes biográficos/históricosJuan Vázquez de Mella Fanjul, nado en Cangas de Onís o 8 de xuño de 1861 e falecido en Madrid o 26 de febreiro de 1928, foi un político tradicionalista, escritor e filósofo católico español.
Fillo de Juan Vázquez de Mella Varela, tenente coronel retirado natural de Boimorto, e de Teresa Fanjul, nada en Cangas de Onís. Quedou orfo de pai con seis anos. Estudou no seminario de Valdediós entre 1874 e 1877, e rematado o bacharelato trasladouse coa súa nai a Boimorto. Fixo a carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela onde dirixiu o periódico El Pensamiento Galaico. De elocuente palabra, portentosa memoria e brillante capacidade para a oratoria e a política, abrazou a causa do carlismo. Deputado ás Cortes de 1893 a 1916, elixido polos distritos de Aoiz, Estella e varias veces por Pamplona. Cando presentou a súa candidatura a deputado por Oviedo foi derrotado pola coalición que reformistas e socialistas presentaron contra os conservadores. Presentou ás Cortes de Madrid unha vigorosa petición solicitando que fose declarada ilegal, facciosa e traidora á Patria a Masonería, eliminando dos empregos públicos aos masóns. Participou no Congreso antimasónico de Trento en 1896[1].
Vázquez de Mella era xermanófilo o que o conduciu a unha soada separación con Xaime de Borbón, que ademais de pretendente á coroa era aliadófilo. Xaime de Borbón, que fora confinado polos austríacos no seu castelo próximo a Viena, publicou en 1918 un manifesto dirixido aos tradicionalistas españois desautorizando aos que tivesen exteriorizado os seus sentimentos xermanófilos: Vázquez de Mella opúxose ao documento e nese cisma orixinouse a escisión que o levou a fundar en 1918 o Partido Católico Tradicionalista.
Coa ditadura de Primo de Rivera apártase da política, debido tamén a problemas de saúde.
Galipedia