Apuntes biográficos/históricosDe Ignacio Senra Giménez, natural de Vigo, descoñécese a data de nacemento. Pero si se sabe que asistiu como alumno ás clases da Escola de Artes e Oficios da cidade, centro onde recibe un premio no curso 1922-1923 na materia de Dibujo de Figura y Adorno do primeiro ano. A súa obra sitúase dentro do realismo de corte rexionalista ou nacionalista. Colaborou con "Faro de Vigo" entre os anos 1924 e 1928, publicando escenas do mundo rural galego nas que adoitaban aparecer personaxes tristes e desvalidos que nalgún momento lembran aos de Castelao, de quen quixo emular os debuxos de cegos. Tamén colaborou durante eses anos coa revista "Vida Gallega" (de gran divulgación en Galicia e América entre 1909 e 1939), ilustrando varias portadas con debuxos á acuarela. Para ambas as publicacións realizou viñetas humorísticas, estampas galegas cun ou varios personaxes, e caricaturas como a do pintor Manuel Torres publicada o 14 de febreiro de 1928 en Faro de Vigo. Participou en diversas exposicións de arte rexional galego. Na de Santiago de 1926 presentou tres debuxos, "A procesión", "O emigrante" e "Mociña". Na de Vilagarcía de 1928, a acuarela "Entierro aldeano". E na dos Centros Galegos de Bos Aires e Montevideo de 1929, o debuxo "N'a Tasca". No curso 1928-1929 gozou dunha pensión da Deputación Provincial de Pontevedra, e en 1931 figurou no primeiro Salón de Primavera de Artistas Noveles de Vigo cunha serie de caricaturas; en tanto que, en 1934, formou parte da exposición de artistas vigueses organizada polo Centro de Hijos de Vigo, así como do Primer Salón de Primavera de Pontevedra, onde presentou "Peixe". As escasas críticas que se coñecen sobre este artista destacaron nel o seu talento, anunciando que nacera un excelente debuxante. Pero non se conta con máis referencias sobre a súa obra.
Formas alternativas do nomeSenra Giménez, Ignacio
Senra, I.
Fontes consultadas1. Durán Rodríguez, M.D. Contribución de la Escuela de Artes y Oficios de Vigo al desarrollo artístico de la ciudad en la primera mitad del S.XX. En: Boletín IEV, Nº 12/06. Páxs. 229 a 256