(Santiago de Compostela, España, 1871 - A Coruña, España, 1929)
Apuntes biográficos/históricosEra familiar de sobranceiros científicos. O seu pai, o químico Antonio Casares Rodríguez (1812-1888), foi figura central da Universidade de Santiago, e o seu irmán, José Casares Gil (1866-1961), químico salientable e catedrático das universidades de Barcelona e Madrid. Antonio Casares Gil estudou Medicina en Santiago e logo de licenciarse ingresou en Sanidade Militar (1894) e ocupou praza en Barcelona, onde visitou os laboratorios universitarios e realizou numerosas excursións botánicas e zoolóxicas. Destinado a Cuba, volveu a España cando a colonia acadou a independencia. Inmediatamente (1899) acode a Múnic, cos seus propios recursos, para formarse en Botánica co profesor Karl Ritter von Goebel (1855-1932). No seu prestixioso laboratorio estudou organografía vexetal, sobre todo dos briófitos e pteridófitos, e iniciou o estudo sistemático dos primeiros. Antes de regresar, Casares visitou varios laboratorios en París, Berlín, Frankfurt, Nürnberg e Würzburg. Na Universidade de Würzburg tivo o privilexio de "contemplar la cátedra y laboratorio del famoso profesor Sachs, de quien había sido uno de sus discípulos su maestro Goebel" (García Varela, 1935: 112). Efectivamente, Julius von Sachs (1832-1897), quen morrera había pouco, desenvolvera importantes investigacións no eido da Fisioloxía Vexetal.
Casares residiu uns anos en Madrid, onde atopou o apoio de Ignacio Bolívar e Antonio García Varela para proseguir as pescudas e publicar os resultados. O instrumento utilizado sería a Junta para Ampliación de Estudios (JAE), unha institución coa que a familia Casares mantería unha fonda relación. O irmán de Antonio, José Casares Gil, foi vogal da xunta executiva e realizou, co apoio da JAE, varias viaxes institucionais a diversos países. Outros Casares tamén gozarían de bolsas no estranxeiro, como Fermín Casares Bescansa, especialista en algas, quen en 1909 repetiría estancia formativa co profesor Goebel, e Miguel Gil Casares, catedrático de Patoloxía en Santiago. Antonio foi profesor colaborador da rede da JAE. Impartiu cursos para bolseiros sobre as muscíneas españolas nos locais do Museo Nacional de Ciencias Naturales e, despois, no Jardín Botánico. Grazas ás xestións de Bolívar, dispuxo dun pequeno espazo de traballo, o Laboratorio de Criptogamia y Briología da JAE, establecido primeiro no Museo e despois na Estación de Guadarrama, do que foi director. Esa situación permitiulle continuar as súas pescudas e publicar a primeira parte da Flora ibérica, dedicada ás hepáticas (Casares Gil, 1919).
Ocupou a presidencia da Sociedad Española de Historia Natural en 1924, ano en que ascende a coronel (médico), con destino na Coruña, e "[] en 1928 es nombrado General-Inspector del servicio de Sanidad militar" (Caballero, 1932: VII). Tamén pertenceu ao Instituto de Higiene Militar. Nese centro ideou un método de tinguidura, moi estimado, dos cilios das bacterias. Ademais, estudou, por encargo do Goberno, a vacina antitífica en París, Berlín e Londres (Anónimo, 1929), que aplicou nas campañas coloniais en Marrocos.
A colección de briófitos de Antonio Casares Gil, que pasou ao herbario do Jardín Botánico de Madrid, constitúe a colección histórica briolóxica máis relevante desa institución.
Consello da Cultura Galega