Apuntes biográficos/históricosPrudencio Canitrot Mariño, nado en Pontevedra en xaneiro de 1883 e finado en Madrid o 24 de xaneiro de 1913, foi un pintor, ilustrador e xornalista galego.
Sobriño de José Millán. Tiña interese pola pintura e empezou a pintar e cando tiña 16 anos fixo os seus primeiros óleos en Pontevedra, logo tivo un estudio e co tempo decidiu marchar para converterse en artista. Destacou como paisaxista e ilustrou varios libros da súa época. Estivo dous anos percorrendo Portugal e Francia ata chegar a Madrid a finais de 1903. Abandonou a pintura para dedicarse á literatura e ao xornalismo. Colaborou en La Correspondencia Gallega. Foi corrector da obra de Rosalía de Castro. Entre as súas obras destacan San Benito de Lérez, Unha romería en Galicia e Paisaje de las cercanías de Pontevedra. Por afinidade artística pode incluírse na Xeración Doente. Foi premiado polos seus relatos polas revistas Galicia e El Liberal. Organizou a primeira Exposición de Pintura Gallega (Madrid, 1912). Dirixiu, xunto a Luis Antón del Olmet, a "Biblioteca de Escritores Gallegos" e colaborou nas principais revistas españolas e americanas como Suevia. Tamén participou no Rexionalismo galego en 1910 cando coñeceu a Basilio Álvarez e implicouse con Acción Gallega facendo campaña pola redención foral.
Galipedia