Apuntes biográficos/históricosTrátase dun dos principais investigadores da historia tudense e tamén, curiosamente, dos mais esquecidos na actualidade.
O seu coñecemento da documentación tanto catedralicia como municipal así como de diversos arquivos privados e o seu rigor como investigador acreditan a Manuel Fernández Valdés Costas (uniu os apelidos paternos no ano 1947, pois ata daquela asinaba como Manuel Fernández Costas) como un dos referentes da investigación histórica sobre da cidade de Tui. Pero hai que salientar que comezou a súa andaina na investigación destacando como un dos principais especialistas, ao longo da segunda e terceira década do século XX, do estudo da arqueoloxía de Galicia, especialmente polas súas achegas arredor das industrias líticas e do mundo castrexo. Naqueles anos a figura de Manuel Fernández Costas era recoñecida como unha das principais autoridades na prehistoria de Galicia.
Manuel Fernández Costas foi membro do Instituto de Estudos Galegos, colaborou en varias oportunidades na revista Nós", foi correspondente da Real Academia Galega, da Asociación de Arqueólogos Portugueses e do Instituto Histórico do Miño, amáis de recibir o título de Cronista Oficial da cidade de Tui, nomeado pola Corporación Municipal que presidía o alcalde Luis Álvarez Rodríguez-Lasso no ano 1958.
Antes da Guerra Civil foi un incansable investigador, como xa indicamos, especialmente da prehistoria e protohistoria de Tui e a súa contorna. Froito das súas pescudas e do seu empuxe foi a creación, en torno a 1933, do Museo de Tui instalado nas dependencias do antigo convento de San Domingos, onde tamén estaba comezando a súa andaina -dende 1934- o Instituto de Segunda Enseñanza tudense. Este Museo acollía os materias que o Grupo Ultreya tudense, que promovía él mesmo, obtivera nas campañas de escavacións arqueolóxicas no castro do Alto dos Cubos ou Cabeza de Francos e noutros xacementos de Tui e o Baixo Miño. Nestas campañas colaboraba tamén Xosé María Álvarez Blázquez, que viña de rematar os seus estudos de Maxisterio, e que sempre tivo a Manuel Fernández Costas como o seu mestre e referente.
A Guerra Civil rachou con todas estas iniciativas que non tiveron continuidade, como foi o caso do Museo de Tui cuxos materiais almacenados nunha casa do barrio de San Domingos foron recuperados en parte por Xosé María Álvarez Blázquez en 1937. Parte destes materiais voltaron ás mans dos seus descubridores e co tempo se entregaron, parte deles, tanto no Museo de Pontevedra como no Museo Municipal Quiñones de León de Vigo no que colaboraba con intensidade Álvarez Blázquez.
O drama da contenda civil coas súas consecuencias conxeturamos teñen relación co silencio de Manuel Fernández Costas durante mais dunha década en que non realiza publicación algunha. Logo, en torno a 1946, xa non retomará a actividade arqueolóxica senón que achégase á historia local e á investigación en materia etnográfica con interesantes aportacións aínda non superadas.
Tudensia