(Leiro, Ourense, España, 1864 - A Coruña, España, 1949)
Apuntes biográficos/históricosDesenvolveu labores de xornalista, poeta e lexicógrafo galego. Foi, ademais, membro fundador da Real Academia Galega e tamén o seu Secretario.
Eladio Rodríguez comezou a súa carreira exercendo de mestre na súa vila natal ata que en 1887 se trasladou á Coruña, desde onde levou a cabo o seu traballo cultural a prol do engrandecemento da lingua galega, moi especialmente desde o punto de vista léxico. Porén, a súa visión da paisaxe e das formas de vida do Ribeiro acompañárono en toda a súa produción ora xornalística, ora poética. A carón da súa desinteresada dedicación á lingua e á cultura de Galicia, entre 1888 e 1937 exerceu como funcionario municipal da cidade herculina.
Como xornalista, a súa traxectoria non deixa de estar intimamente relacionada co seu compromiso coa cultura, afondando na defensa dunha lingua literaria galega desprovista de castelanismos na que se recuperan elementos esquecidos da cultura tradicional.
Participou, tamén, na creación de El Noroeste, xornal rexionalista de corte católico do que tamén foi director. É especialmente relevante a súa responsabilidade na creación, de "Terra A Nosa", o suplemento literario de El Noroeste, non só porque nel se podían ler algunhas das voces máis lúcidas da cultura galega da altura Vicente Risco, Carré Aldao, Carballo Calero ou Francisca Herrera Garrido-, senón tamén porque foi o antecesor de sucesivas iniciativas frutíferas para a literatura galega, especialmente para a poesía. Así, o 17 de setembro de 1918, sendo xa membro das Irmandades da Fala, Eladio Rodríguez González presentou, tamén como director, "Nós", o novo suplemento de El Noroeste que viña substituír "Terra A Nosa" e cuxa pretensión era a de acoller a todos os poetas en lingua galega elaborando, así, unha sorte de antoloxía totalizadora.
Como recoñecido poeta e home de cultura activo na cidade que o acolleu, fundou en 1904, canda outros xornalistas locais, a Asociación de la Prensa coruñesa, participou dos faladoiros da Cova Céltica na Librería Regional de Carré Aldao, da Irmandade da Fala da Coruña desde 1916, da Real Academia Provincial de Belas Artes e, como bibliotecario da Reunión Recreativa de Artesanos da Coruña, elaborou o catálogo da biblioteca con máis de 3.300 obras científicas, literarias e musicais que foi publicado en 1901. Asemade, foi membro do Instituto Histórico do Minho, creou e presidiu o coro musical Cantigas da Terra desde xullo de 1917 e pertenceu á Liga Galega da Cruña desde 1897.
Asemade, o noso homenaxeado foi un dos 41 membros fundadores da Real Academia Galega; institución da que foi Secretario do 27 de xaneiro de 1920 e ata o 20 de novembro de 1916, baixo as presidencias de Manuel Murguía, Martínez Salazar e Ponte Blanco. Tivo oportunidade, tamén, de exercer como Presidente desde o 20 de novembro de 1926 e ata o 4 de marzo de 1934.
En recoñecemento ao seu labor de poeta, xornalista e estudoso incesante da cultura galega, recibiu unha cumprida homenaxe o 9 de agosto de 1917 por parte dos seus compañeiros de traballo e de vocación, co alcalde da Coruña Manuel Puga á cabeza. O seu labor continuou activo e, despois de amosar o seu coñecemento do país redactando "Guía de Galicia para el Turista" no mesmo 1917, ingresou no Seminario de Estudios Galegos, o 24 de abril de 1927, feito que o levou a ser académico correspondente da sección galega da Real Academia Española.
Entre as súas facetas, sobrancea a de poeta. Amosando un excelso domino da métrica e da lingua, as súas producións poéticas enxalzan o mundo rural e os seus costumes, referíndose especialmente ao contexto do Ribeiro, pero tamén o problema da emigración e a súa constante vontade a prol da redención de Galicia.
a que se considera a obra da súa vida, aquela que continúa arrequecendo a nosa lingua hoxe por hoxe é o "Diccionario enciclopédico gallego-castellano".
Real Academia Galega
Formas alternativas do nomeRodríguez, Eladio, 1864-1949
Fontes consultadas1. Autores galegos na BUSC. Visitado o 18 de maio de 2020 http://www3.usc.es/busc-autoresgalegos/autoridadesdet.asp?ida=4301
2. Catálogo de autoridades da Biblioteca Nacional de España. XX1093733. Visitado o 18 de maio de 2020