(Muxía, A Coruña, España, 1878 - Muxía, A Coruña, España, 1963)
Apuntes biográficos/históricosFoi un escritor en lingua galega que cultivou o xornalismo, a narrativa, o teatro e a poesía, baseando na Costa da Morte boa parte da súa obra. Dirixiu a Irmandade da Fala de Muxía. En 1971 foi homenaxeado no Día das Letras Galegas.
Foi fillo de Francisco López García, capitán da mariña mercante e armador, e Xulia Abente Lago. Estaba emparentado por liña materna con Eduardo Pondal, pois Gonzalo era neto de Leandro Abente, médico de Muxía e irmán da nai de Pondal. Estudou o bacharelato en Santiago de Compostela rematando en 1893 e despois a carreira de Dereito, licenciándose en 1899. Viaxou por Francia, Bélxica e Países Baixos, pero pasou a maior parte da vida en Muxía dedicado aos negocios bancarios. Colaborou na prensa local e comarcal e chegou a dirixir El Eco de Mugía. En 1909 casou con Balbina Abente Myszkovski filla do seu tío Victorino Abente Lago que finou ao dar a luz en 1910, con vinte e seis anos de idade.
Como autor poético, sitúase nos seus libros anteriores á guerra civil (Escuma na ribeira, Alento de raza e D'Outono) na escola do "Poeta da Raza", Ramón Cabanillas. Como narrador, gañou en 1919 a única edición do Premio de Literatura d' A Nosa Terra coa novela O deputado de Beiramar. O 20 de febreiro de 1921, estreou a súa única peza teatral, María Rosa, correndo a representación a cargo do Cadro de Declamación das Irmandades da Fala da Coruña. Trátase dunha novela naturalista, valiosa non tanto por supor unha renovación estética senón pola súa temática feminista.
López Abente foi integrante das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos e presidente da Asociación de Escritores de Galicia. Colaborou en revistas e periódicos: El Noroeste, A Nosa Terra, Nós, Rexurdimento, Ronsel e Lar.
Co triunfo do bando franquista foi depurado do seu posto de traballo como xuíz municipal suplente.
O 27 de xullo de 1941 ingresou na Real Academia Galega, a proposta de Manuel Casás Fernández, Alejandro Barreiro Noya e Ángel del Castillo, co discurso: "A terra e a poesía de Eduardo Pondal". Galipedia
Formas alternativas do nomeAbente, Gonzalo L., 1878-1963
Fontes consultadas1. Autores galegos na BUSC. Visitado o 24 de abril de 2020 http://www3.usc.es/busc-autoresgalegos/autoridadesdet.asp?ida=2695
2. Catálogo de autoridades da Biblioteca Nacional de España. XX1004142. Visitado o 24 de abril de 2020