Apuntes biográficos/históricosConcepción Arenal naceu nunha modesta casa do barrio de Ferrol Vello. Era filla dun militar liberal orixinario de La Montaña cántabra, Ángel del Arenal, e de Concepción Ponte Tenreiro, de ascendencia aristocrática galega. A súa infancia estivo marcada pola persecución, represión e desterro que sufriu o seu pai a causa das súas ideas liberais, e pola súa morte prematura a consecuencia delas.
Estudou en Madrid, nun colexio para señoritas, cun tipo de educación para nenas de clases acomodadas que máis tarde ela mesma se encargaría de someter a severa crítica por tratarse da "arte de perder o tempo". Mais a maior parte da súa cultura e formación acadouna de xeito autodidacta, especialmente a través da lectura, á que se afeccionou polo contacto coa biblioteca que a súa familia paterna tiña en Armaño (Cantabria), lugar a onde se trasladou coa súa nai e as súas dúas irmás tras quedar orfa de pai.
Asiste á Universidade "travestida" de home, ás aulas da carreira de Dereito Penal e Xurídico, xa que nese momento non se permitía legalmente o acceso das mulleres aos estudos superiores en España. En 1848 casou con Fernando García Carrasco, que supo entender os planos de igualdade de Concepción Arenal, ata o punto que o acompañaba as tertulias e salóns vestida de home.
Foi nomeada "visitadora de prisións de mulleres" en 1863, posto que foi suprimido definitivamente dez anos despois. Na Coruña trabou unha grande amizade con Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina. Concepción Arenal asistía ao parladoiro que organizaba a condesa na súa casa da rúa Real e as dúas promoveron unha asociación para visitar as mulleres presas chamada das "Magdalenas".
A súa obra tivo repercusión internacional malia que Concepción Arenal non saíu nunca de España. Porén, enviou informes a congresos internacionais que foron obxecto de unánime aplauso por parte dos expertos alí presentes; colaborou en publicacións e libros editados en francés e inglés; ilustres personaxes do ámbito penal e penitenciario, como Roeder e E. C. Wines, eloxiaron a súa obra e persoa; libros seus, como "El visitador del pobre" e "El visitador del preso" foron traducidos a outras linguas.
Con Concepción Arenal naceu o feminismo en España, pois dende nova loitou por romper os canons establecidos para a muller, rebelándose contra a tradicional marxinación do sexo feminino, e reivindicando a igualdade en todas as esferas sociais para a muller.
Morreu o 4 de febreiro de 1893 en Vigo.
Galipedia
Formas alternativas do nomeArenal de Carrasco, C., 1820-1893
Arenal de Carrasco, Concepción, 1820-1893
Arenal de García Carrasco, Concepción, 1820-1893
Arenal de Ponte, Concepción, 1820-1893
Arenal Ponte, Concepción, 1820-1893
Fontes consultadas1. Catálogo de Autoridades da Biblioteca Nacional de España. XX1719848. Visitado o 14 de xaneiro de 2020