"Alfredo José Francisco Higinio Brañas Menéndez, nado en Carballo o 11 de xaneiro de 1859 e finado en Santiago de Compostela o 21 de febreiro de 1900, foi un escritor e ideólogo do rexionalismo galego decimonónico. Fillo dun rexistrador da propiedade, pasou a infancia en Cambados. Entre 1869 e 1873 estudou o bacharelato en Compostela, e posteriormente estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Trala morte do seu pai conseguiu rematar os seus estudos grazas á nai dun amigo que lle pagou a carreira, e xa mentres estudaba comezou a escribir na prensa, e o xornal compostelán El Porvenir, dirixido por Antonio Toledo Quintela, foi o primeiro no que colaborou.
En 1878, ao remate dos seus estudos, volveu a Cambados e traballou nunha notaría. En 1881 volveu a Santiago para colaborar no novo diario de Antonio Toledo Quintela, El Libredón, e comezou a exercer de avogado e a participar nos círculos católicos-tradicionalistas da cidade e a escribir poesía en castelán, e en menor medida en galego. Entre 1884 e 1885 foi secretario xeral da USC. En 1885 escribiu El Principio Fundamental del Derecho, no que recompilou e resumiu as leccións que dera ese ano para poder optar a unha praza de profesor auxiliar, que acabou conseguindo. Entre 1885 e 1887 foi o director de El Libredón, comezou colaborando co seu sucesor, El Pensamiento Galaico, pero acabou abandonándoo polo carlismo declarado do xornal.
En 1887 obtivo por oposición a cátedra de dereito natural da Universidade de Oviedo; alí publicou Fundamentos del Derecho de propiedad e xa en 1888 marchou de novo a Santiago ao obter a cátedra de economía política desa cidade. En 1889 publicou en Barcelona El regionalismo. Estudio sociológico, histórico y literario,que foi aceptada por todos os sectores do galeguismo como un referente. En 1890 déuselle unha homenaxe en Santiago, que supuxo a primeira xuntanza de todos os galeguistas nun ambiente de unidade, independentemente das diferentes tendencias nas que se dividía, e constituíu o punto de partida da mobilización rexionalista. A obra tamén obtivo gran repercusión entre o rexionalismo catalán. Brañas foi concelleiro en Santiago entre 1890 e 1891, e en 1890 participou na creación da Asociación Regionalista Gallega (ARG) e escribiu no seu voceiro, La Patria Gallega, no que Brañas falaba por primeira vez de Galicia como nacionalidade. Participou nos Xogos Florais de Tui de 1891, nos que pola primeira vez nun discurso público empregou o galego; nese mesmo ano desapareceu a ARG logo dun enfrontamento entre o sector liberal de Manuel Murguía e o católico tradicionalista de Brañas.Viaxou a Cataluña como mantedor dos Jocs Florals de Barcelona en 1893, e xa antes publicara artigos comparando os rexionalismos galegos e cataláns nas publicacións barcelonesas La Renaixença ou La España Regional. En 1894 publicou Historia Económica e dous anos máis tarde un Curso de Hacienda Pública; nese ano de 1896 estreou o drama La Voz de la Sangre y la Voz de la Patria.
Foi un dos fundadores do Ateneo León XIII (1896) en Santiago e o Círculo Católico de Obreros seguindo as directrices do papa León XIII na súa encíclica Rerum Novarum.
A crise do 98 provocou un certo arrefriamento das súas posicións rexionalistas e o seu achegamento ao carlismo.
Brañas faleceu en 1900, á idade de 40 anos. O seu corpo foi trasladado ao Panteón de Galegos Ilustres.
O rexionalismo de Brañas baseábase nun catolicismo e un historismo tradicionalista que lle serve para reclamar as liberdades antigas, ao tempo que arremete contra a industrialización, o liberalismo e o capitalismo, reclamando a volta aos gremios."
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía - Accesibilidad - Aviso legal - Mapa del portal