Apuntes biográficos/históricosRelixioso pertencente á orde dos dominicos, Juan Pacheco y Troncoso desempeñou o cargo de mestre de Filosofía, Teoloxía e Moral no Colexio Fonseca de Santiago.
En 1713 redactou unha crónica recollendo os festexos que tiveron lugar en Compostela para celebrar a canonización de Pío V. Despois da súa publicación foi nomeado Cronista Xeral do Reino de Galicia. Este nomeamento supuxo para Pacheco y Troncoso o compromiso de escribir nun prazo de cinco anos unha historia de Galicia completa.
Hoxe en día consérvase un voluminoso primeiro tomo desta historia. Segundo os críticos, a interpretación da obra conta con certos inconvenientes, coma por exemplo, a inclusión de fábulas e de relatos de falsos cronistas. A isto hai que engadir a dificultade de interpretación dalgunhas pasaxes, consecuencia do carácter ilexíbel da letra.