Apuntes biográficos/históricosPertencente a unha familia fidalga que contaba cun abundante patrimonio estudou a carreira de Leis en Santiago. Anos despois chegou a ser decano do colexio de avogados da Real Audiencia de Galicia.
Somoza de Monseriu foi un dos máis importantes xuristas, político e tratadista económico do século XVIII en Galicia. No ámbito das ciencias destacou polo seu interese na mellora da situación económica de Galicia. Tanto él coma outros intelectuais do seu tempo era consciente dos profundos danos que causaba o feudalismo entre a maioría da poboación. En moitos dos seus ensaios, de feito, é posíbel ver a súa preocupación por atopar medidas que mitigaran dalgún xeito a situación das clases máis desprotexidas.
Os seus escritos mostran de xeito palpábel a súa preocupación polo crecemento económico do país. Neles ponse énfase en puntos como os medios para incrementar os postos de traballo en Galicia e acadar así o crecemento económico. A súa obra é todo un referente á hora de coñecer a realidade galega do momento.