(Vilanova de Arousa, Pontevedra, España, 1866 - Santiago de Compostela, España, 1936)
Apuntes biográficos/históricosRamón María Valle Peña naceu en Vilanova de Arousa na casa do Cuadrante, propiedade da súa familia materna, de onde pasou, aos poucos días, á casa do Cantillo, na mesma localidade. Segundo fillo de Ramón del Valle Bermúdez de Castro e de Dolores de la Peña y Montenegro, toma o seu nome literario dun antepasado paterno, Francisco del Valle-Inclán.
A pesar das dificultades económicas, dispoñía dunha boa biblioteca na súa casa e foi educado por un preceptor, clérigo na Pobra. Estudou o bacharelato en institutos de Santiago e Pontevedra.
En 1885, por imposición paterna, comeza a carreira de Dereito na Universidade de Santiago, con pouco interese pola súa parte, e frecuenta o mundo literario. Uns anos despois matriculouse na Escola de Artes e Oficios para estudar Debuxo, á vez que comeza a publicar as súas primeiras obras. Ao morrer o seu pai abandona os estudos e regresa a Pontevedra, ata que a finais de 1890 marcha a Madrid onde pasa dous anos. Colabora en varios periódicos grazas ao seu mentor, Alfredo Vicenti, e asiste a faladoiros onde comeza a ser coñecido.
Tras unha pequena estancia en Pontevedra, o 12 de marzo de 1892 embarca para México onde continúa escribindo en xornais como El Correo Español ou El Universal. A axitada estancia en México, onde non faltaron pelexas e ata un duelo, vai seguida doutra en Cuba, regresando finalmente a Pontevedra na primavera de 1893, moi cambiado fisicamente e con máis experiencia no seu oficio literario. Coñece a Jesús Muruáis, profesor de latín e bibliógrafo, que terá grande influencia en Valle ademais de darlle acceso á súa importante biblioteca. Nesta época comeza a vestir coa súa indumentaria característica de capa e sombreiro e deixa medrar a súa barba de chibo. Tamén comeza a firmar como Ramón del Valle-Inclán tanto nas súas colaboracións en xornais como na súa primeira obra, Femeninas (Seis historias amorosas), publicada co apoio de Manuel Murguía, amigo do seu pai.
En 1895 regresa a Madrid como funcionario no Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes, continúa asistindo a diferentes cafés e faladoiros, mantendo o seu propio na sala de La Cacharrería do Ateneo de Madrid e no café Granja El Henar. Cultivando unha vida bohemia, dispón de poucos cartos e chega a pasar fame, pero consigue publicar unha segunda obra, Epitalamio (Historias de amores) que pasa bastante desapercibida. Participa nalgunhas representacións teatrais como actor e, na guerra con Estados Unidos, toma partido pola independencia de Cuba.
En xullo de 1899 nunha discusión co seu amigo Manuel Bueno acerca da legalidade dun duelo, cravóuselle un xemelgo no pulso esquerdo, causándolle unha ferida que se gangrenou. Dous meses despois o doutor Manuel Barragán amputoulle o brazo. Tras o episodio abandona a carreira de actor pero segue colaborando en xornais como La Ilustración Española y Americana, Alma Española ou Los lunes del Imparcial, na que comeza a publicar a Sonata de Otoño. As Sonatas: Memorias del Marqués de Bradomín representan a culminación da prosa modernista na literatura española, e a súa obra máis lida.
En 1907 contrae matrimonio con Josefina Blanco Tejerina, actriz de teatro coa que viaxa de xira por diferentes países como Arxentina, Chile, Paraguai, Uruguai e Bolivia.
Cando regresa a Madrid, segue publicando obras de teatro que se estrean en teatros de toda España e asistindo aos faladoiros literarios.
Publica as súas obras completas e cos cartos gañados establece a súa residencia familiar en Galicia e solicita ao rei a rehabilitación dos títulos de marquesado de Valle, vizcondado de Vieixin e señorío do Caramiñal, sen obter ningún deles.
Durante a I Guerra Mundial viaxa como correspondente de El imparcial e toma partido polo bando aliado encabezando un Manifesto de adhesión ás nacións aliadas.
En 1916 é nomeado profesor da materia de Estética das Belas Artes na Escola Especial de Pintura, Escultura e Gravado, praza á que renuncia en 1919.
En 1920 publica Luces de bohemia e un ano despois volve a México invitado polo presidente da república para a celebración do centenario da súa independencia. Na viaxe de volta pasa pola Habana e Nova Iore antes de chegar a Galicia. Pero un ano despois volve a establecerse en Madrid onde continúa participando en diversos faladoiros e colaborando con Rivas Cherif no Teatro de la Escuela Nueva.
Moi crítico coa ditadura de Primo de Rivera participa na creación da plataforma Alianza Republicana que agrupaba a varios partidos e agrupacións para loitar contra o réxime político do tirano.
En 1928 a Compañía Ibero-Americana de Publicaciones (CIAP) ofrécelle un contrato editorial que lle permite vivir con certo desafogo pero a quebra da editora volve a rachar o benestar da familia e remata coa separación matrimonial de Valle-Inclán e a súa muller.
Durante a II República é nomeado Conservador Xeral do Patrimonio Artístico Nacional e despois director do Museo de Aranjuez, cargo do que dimite polos desacordos co director. Sucede a Azaña na presidencia do Ateneo Científico, Literario y Artístico de Madrid e é un dos fundadores da Asociación de Amigos da Unión Soviética. Aínda en 1933 é nomeado director da Academia Española de Belas Artes de Roma, cargo que mantén ata a súa morte ao establecer o regulamento a vixencia do nomeamento por tres anos.
En 1935 retírase a Santiago de Compostela onde falece o 5 de xaneiro de 1936 despois de negarse a recibir a extremaunción sendo enterrado no cemiterio de Boisaca nunha cerimonia civil.
Formas alternativas del nombreValle-Inclán, Ramón del
Valle Inclán, Ramón del, 1866-1936
Valle-Inclán, Ramón, 1866-1936
Valle-Inclán, Ramón María del, 1866-1936
Valle-Inclán, 1866-1936
Fuentes consultadas1. Catálogo de autoridades da Biblioteca Nacional de España. Visitado o día 3 de marzo de 2021. XX1055436