Maceda, Juan José Caamaño y Pardo, Conde de, 1761-1819
(Ferrol, España, 1761 - Madrid, España, 1819)
Apuntes biográficos/históricosConde de Maceda, Grande de España, Cabaleiro da Orde San Xoán de Malta... Juan José Caamaño e Pardo foi unha das figuras máis sobranceiras da Ilustración galega. A súa importancia radicou na preocupación que amosou ao longo da súa vida por atopar formas de fomentar a riqueza e a prosperidade en Galicia no reinado de Carlos III. O seu labor en Ferrol, a súa cidade natal, foi dunha grande importancia. Alí, ademais de ocupar o cargo de vocal da Xunta de Árbitros, desempeñou un papel fundamental na habilitación do porto no ano 1792. A importancia desta obra fixo que cinco anos despois, como agradecemento, a corporación municipal o nomease rexedor perpetuo da cidade departamental. En canto á súa obra, Caamaño e Pardo sempre fixo patente o seu interese por temas relacionados coa pesca, a mariña e os asuntos económicos, especialmente os tributarios. No tocante a este último tema, é posíble comprobar o seu profundo coñecemento das escolas clásica e fisiocrática de economía. Foi ademais un férreo defensor do comercio, da industria e da libre circulación de mercadorías. Puxo en práctica o seu pensamento coa creación e dirección de varias manufacturas.