Apuntes biográficos/históricosOs primeiros contactos de José Febrero coas humanidades viñéronlle dados grazas a un parente presbítero que o coidou de neno. Sendo xa mozo, trasladouse a Madrid onde traballou ao servizo de Campomanes, amigo e unha das figuras de referencia do autor.
Nos comezos de 1757 exerceu como axente de negocios, deixando o cargo nese mesmo ano para desempeñar o labor de notario real. José Febrero dedicaríase a esta actividade ate a súa morte.
No tocante á súa obra, obtivo un gran éxito grazas á Librería de escribanos e instrucción jurídica teórico-práctica de principiantes [...]. A obra publicouse en dúas partes: a primeira, dividida en tres tomos (Madrid, 1769) e a segunda formada por catro (Madrid, 1781). Como proba da súa importancia, abonda sinalar que A Librería [...] estivo considerada como unha das obras capitais na ensinanza do Dereito ate o século XIX.