Plá y Peñalver, Fernando , Marqués de Amboage, 1883-1951
(Madrid, España, 1883 - 1951)
Apuntes biográficos/históricosSegundo Marqués de Amboage. Fillo de Ramón Plá, o primeiro Marqués de Amboage. Casa en Madrid con Sofía Ruiz del Castillo y Pelayo, vizcondesa de Huerta, coa que tivo cinco fillos.
O maior dos seus fillos, chamado Fernando como o seu proxenitor, morreu novo, moi pouco despois do seu pai, sen chegar a solicitar o título de marqués de Amboage, polo que, de acordo ás normas que rexen a transmisión dos títulos pontificios, produciuse a extinción do mesmo.
Elixido deputado no ano 1914.
Foron de gran interese e seguidas pola opinión pública as intervencións de Fernando Plá y Peñalver en Ferrol, moderando dalgunha forma os numerosos problemas que tivo a Fundación Amboage entre os anos 1905 e 1920 polo destino das importantes esmolas das que facía entrega a Fundación. Tivo gran repercusión o duro litixio sostido polo párroco da Igrexa do Carmen, Benito Murado, copatrono da Fundación Amboage, e Antonio Piñeyro, Irmán Maior do Hospital de Caridade, que obrigaron a pronunciarse ao segundo Marqués de Amboage, aínda que xa non tiña ningunha atribución directa sobre os fins benéficos da Fundación.
O matrimonio de Fernando Plá e Sofía Ruiz del Castillo encargou no ano 1914 ao arquitecto Francisco Rojí un monumental palacio de estilo neobarroco e influencia francesa que, xunto cos seus amplos xardíns, ocupaba 8.000 m2 no barrio madrileño de Salamanca, dando fronte á rúa Juan Bravo. O palacio do marqués de Amboage foi requisado o ano 1931 polo Goberno da República española, sendo utilizado durante algún tempo como sede do Concello de Madrid. Despois da Guerra Civil foi adquirido polo Goberno de Italia para establecer a súa Embaixada, función que segue desempeñando hoxe en día.
Despois do seu breve paso pola política, Fernando Plá y Peñalver foi nomeado Conselleiro do Banco de España, dedicándose a actividades inmobiliarias especialmente como promotor de luxosos e coñecidos edificios madrileños. Era persoa moi coñecida en Madrid polas veladas musicais celebradas no seu palacio do barrio de Salamanca; cando o palacio foi requisado, fixou a súa residencia no Paseo de la Castellana, onde faleceu o 6 de agosto de 1951.
Fuentes consultadas1. Burgoa, Juan J. Fernando Plá y Peñalver, segundo marqués de Amboage. En: www Diario de Ferrol (27/08/2016). Consultado el 30 de noviembre de 2021