A Biblioteca do Real Seminario Conciliar de Santa Catalina de Mondoñedo, fundada polo bispo Losada y Quiroga en 1583, é depositaria actualmente dun dos fondos bibliográficos patrimoniais máis importantes de Galicia. Esta importancia susténtase non só no número de volumes da súa colección, contra dos 30.000, senón tamén no altísimo valor patrimonial de moitos dos seus exemplares.

Os tesouros bibliográficos que custodia a Biblioteca do Seminario de Mondoñedo inclúen desde 22 incunables, que se conservan en perfecto estado, ata códices medievais. Tamén debe mencionarse a súa colección de biblias, moitas delas expostas no propio Seminario de Mondoñedo, publicadas desde o século XV deica a actualidade.

A Diocese de Mondoñedo-Ferrol, en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo e o Ministerio de Cultura, Educación e Deporte, quixo poñer en valor este riquísimo fondo patrimonial, e para iso puxo en marcha un proxecto de dixitalización destas obras, que permitirá non só contribuír á súa preservación para o futuro, senón que tamén facilitará o acceso dos usuarios a este tesouro bibliográfico. A Xunta de Galicia quixo contribuír a este proxecto e permitiu que a súa biblioteca dixital, Galiciana, sexa a plataforma para lles dar visibilidade e interoperabilidade aos fondos dixitalizados.

A primeira fase deste proxecto, que é a que se pode consultar neste micrositio, inclúe obras dos séculos XV e XVI seleccionadas en función da súa demanda, debido á súa temática e transcendencia histórica, e tamén por ser algunhas delas as máis vulnerables á deterioración, xa que a súa dixitalización permitirá as consulta da copia dixitalizada, no canto do orixinal. Entre as obras dixitalizadas encóntranse varios incunables e primeiras edicións de libros e autores, como Tomé de Aquino, Xoán Duns Escoto, Santo Agostiño ou Antonio de Nebrija, entre outros. A temática das obras é predominantemente de carácter histórico, filosófico e metafísico, aínda que destacan tamén algunhas gramáticas e dicionarios. En total dixitalizáronse 213 obras, que deron como resultado 114.224 imaxes, que esperamos que sexan de utilidade para os nosos usuarios.

 

Obras destacadas

 

  angeliaci   de_principiis   de_re_aedificatoria   in_omnes   noua_lectura