Para contribuír á celebración do Día das Letras Galegas 2017 dedicado a Carlos Casares, Galiciana, a biblioteca dixital de Galicia, crea un novo microsito que da acceso universal a documentos dixitalizados relacionados co escritor homenaxeado e coa súa obra. A dixitalización realizouse grazas á colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Carlos Casares, depositaria dos orixinais.

O micrositio ponse en marcha con 78 documentos dixitalizados do arquivo persoal de Carlos Casares, o que supón dar acceso público a máis de 1.300 imaxes. Entre os valiosos documentos que se poden consultar están manuscritos e mecanuscritos dos seus artigos na columna "Á Marxe", que publicaba na contraportada de La Voz de Galicia, notas das súas conversas con Ramón Piñeiro, apuntes sobre as súas múltiples viaxes e incluso probas de imprenta dalgunhas das súas obras máis destacadas.