Imaxe novasGaliciana-Biblioteca Dixital de Galicia quere contribuír á conmemoración do Día das Letras Galegas 2019, dedicado a Antonio Fraguas Fraguas, coa creación dun novo micrositio que recolla o labor como articulista deste prolífico autor.

Antonio Fraguas foi historiador, etnógrafo, antropólogo e xeógrafo. Todos os seus esforzos dirixíronse a ampliar e difundir o coñecemento sobre a cultura galega. Con este fin, colabora desde moi novo coa prensa, tanto en revistas especializadas nos seus campos de estudo, como nos grandes diarios de ámbito xeral da nosa comunidade.

Para elaborar o micrositio de Antonio Fraguas realizouse un baleirado das publicacións periódicas que se atopan dixitalizadas en Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia. O resultado dese baleirado é unha colección de 68 artigos pertencentes a publicacións como La Noche, El Pueblo Gallego, Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, Vida Gallega e dous artigos que Fraguas escribiu para os programas das festas na honra do Apóstolo, celebradas en Santiago de Compostela.