Desde a Biblioteca de Galicia estamos a organizar unha nova xornada técnica baixo o título “Prensa histórica e xeración de coñecemento: do papel ao dixital”. Como ben se pode deducir, nesta ocasión a nosa protagonista será a prensa histórica e pretendemos achegarnos a ela desde diferentes eidos:

- recompilacións e estudos sobre a historia da prensa galega
- a prensa histórica como fonte de información
- as novas tecnoloxías como ferramenta de preservación da prensa histórica

A xornada terá lugar o venres 8 de xuño no Auditorio Xosé Neira Vilas do Edificio do Arquivo e Biblioteca de Galicia. Nesta ocasión o horario será de 9:30 a 17:30 horas, con dous descansos entre intervencións, o primeiro para un café entre as 11:30 e as 12:00 e o segundo para unha comida lixeira entre as 14:00 e as 15:30 h.

Tanto a inscrición como os refrixerios programados na xornada serán de balde. Como nas xornadas anteriores a inscrición poderá realizarse, a partir de mañá, martes 22 de maio, e ata completar as 100 prazas dispoñibles, na web http://www.cidadedacultura.gal/gl .

No seguinte enlace encontraredes máis información sobre a xornada:
Programa "Prensa histórica e xeración de coñecemento: do papel ao dixital”

Agardamos a vosa asistencia.