Desde o ano 2014 a Biblioteca de Galicia ten o privilexio de ser depositaria dunha das coleccións de fondo antigo máis destacadas da nosa comunidade autónoma. Trátase da valiosa biblioteca propiedade de ABANCA, formada tras unha coidada selección de incunables e obras dos séculos  XVI a XIX relacionadas fundamentalmente coas materias de Historia e Economía.

Para fomentar a difusión e accesibilidade deste importante fondo bibliográfico, a Dirección Xeral de Cultura puxo en marcha un proceso de dixitalización dos seus títulos máis destacados. Ata o momento pódense consultar en Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia 229 obras dixitalizadas da Colección ABANCA, 69 delas incunables. A súa presenza en Galiciana-BDG proporciónalles tamén visibilidade a través de Hispana e Europeana, as dúas grandes bibliotecas dixitais a nivel nacional e europeo.