Mediante o Decreto 169/2011, do 4 de agosto, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acepta a cesión en réxime de comodato por 60 anos de "diversa documentación recompilada e realizada por Isaac Díaz Pardo". A incorporación destes fondos á Biblioteca de Galicia realízase de forma progresiva desde esa data ata o falecemento de Díaz Pardo, o 5 de xaneiro de 2012.
O fondo documental de Camilo Díaz Baliño é un dos máis destacados de entre os que custodia a Biblioteca de Galicia. Trátase do material reunido por Isaac Díaz Pardo relacionado co seu pai, Camilio Díaz Baliño, falecido en 1936. Conta cunha pequena biblioteca persoal, 10 álbums elaborados por Camilo Díaz que recollen toda a súa actividade profesional en América como escenógrafo, ao redor de 200 fotografías, debuxos e relatos orixinais, ademais dun centenar de cartas e documentos persoais, entre os que se atopa o documento orixinal do xuíz que dá conta da morte do seu pai.
Gran parte deste material foi dixitalizado pola Biblioteca de Galicia, en colaboración con Telefónica, durante o ano 2012. O resultado foi a catalogación de 50 unidades documentais e a conversión a formato dixital de máis de 1.700 páxinas. Con motivo da entrada en dominio público da obra de Camilo Díaz Baliño e tamén para conmemorar o aniversario da morte de Díaz Pardo, a Biblioteca de Galicia pon a disposición de todos os usuarios e usuarias este fondo documental de grande importancia para o estudo e a investigación da historia e da cultura galegas.
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal