En outubro de 2003 a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) proclamou na “Carta para a preservación do Patrimonio Dixital”:

“O patrimonio dixital consiste en recursos únicos que son froito do saber ou a expresión dos seres humanos. Comprende recursos de carácter cultural, educativo, científico ou administrativo e información técnica, xurídica, médica e doutras clases, que se xeran directamente en formato dixital ou se converten a este a partir de material analóxico xa existente. Os produtos “de orixe dixital” non existen noutro formato que o electrónico.”

O obxectivo principal do curso seminario “Patrimonio Cultural Dixital: Retos e Oportunidades” é presentar unha visión xeral e integrada do PCD na actualidade, así como as principais tendencias de futuro. O medio para iso é a presentación en tres grandes bloques temáticos dos casos concretos, moitos deles actualmente en curso, de distintas organizacións públicas e privada líderes nos seus respectivos ámbitos. Tanto a nivel europeo, como nacional e galego.

Galiciana- BDG participará neste curso como relator durante a sesión do xoves 17 coa conferencia titulada "Galiciana- BDG: a dixitalización do patrimonio bibliográfico galego, presente e futuro", na que se expoñerán os últimos proxectos levados a cabo na nosa biblioteca dixital, así como os retos que deberemos afrontar nun futuro.