Galiciana-Biblioteca Dixital reúne neste novo micrositio, arredor de 900 títulos de monografías e publicacións periódicas fruto da dixitalización dos fondos da Real Academia Galega.

A Biblioteca da Real Academia Galega ten a súa orixe en decembro de 1905. Dentro dos seus fondos, é salientable, entre outras, a importante colección de folletos editada pola comunidade galega en América e mais polo tecido asociativo co que se contaba en Galicia a comezos do século XX, a Biblioteca do Convento de Montefaro ou as bibliotecas individuais como a de Pardo Bazán ou a de Manuel Murguía. Conta cunha importante sección de Hemeroteca na que conserva fondos de máis de 2.500 cabeceiras de revistas publicadas ao longo dun período de douscentos anos. 76 destes títulos de publicacións periódicas corresponden á dixitalización realizada dentro da primeira convocatoria, 2018-2019, de subvencións de AMTEGA para a dixitalización do patrimonio cultural galego.

A selección que fixo a Real Academia para o seu proxecto presentado á AMTEGA, reúne títulos tan significativos da prensa galega como O Tío Marcos d'A Portela, As Burgas ou Mondariz. Por outra parte, foron seleccionadas un conxunto de revistas americanas, editadas as máis delas polas colectividades galegas que viviron na emigración cubana e arxentina a finais do século XIX e principios do XX, como o Boletín oficial del Centro Gallego de Buenos Aires, Eco de Galicia ou Follas novas. En total foron dixitalizadas nesta primeira convocatoria de subvencións da AMTEGA máis de 135.000 páxinas que contan cun proceso de OCR que permitirá a busca a texto completo.