Durante o ano 2019, a Biblioteca de Galicia continuou coa incorporación de novos formatos, concretamente o formato ePub, coa intención de favorecer a difusión das obras patrimoniais galegas e facilitar o acceso á información dos usuarios desde diferentes dispositivos.

Dentro deste proxecto fíxose outra pequena selección de obras clásicas da literatura feita en Galicia, en galego e en castelán, e ten a intención de seguir ampliando esta colección nos próximos proxectos de dixitalización impulsados desde a Dirección  Xeral de Políticas Culturais. Esta vez foron 14 as obras convertidas a formato ePub, o que permite a súa lectura nos múltiples dispositivos cos que é compatible este formato (tabletas, e- readers, móbiles, ...) e a súa descarga libre e gratuíta.

Para esta nova selección de obras en formato ePub escolléronse títulos de 10 autores galegos. Ampliáronse as obras dispoñibles de Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Sofía Casanova e incorporáronse novos autores como Antón Villar Ponte ou Alejandro Pérez  Lugín. En canto aos xéneros escollidos, a poesía e a novela seguen sendo os maioritarios, engadíndose esta vez un ensaio, "Nuestra afirmación regional" e unha biografía de Manuel Curros Enríquez escrita por Augusto González-Besada e Félix Melendo.

Co obxectivo de darlle unha mellor difusión a esta colección creouse en Galiciana-BDG este micrositio. Baixo o título de “Grandes clásicos da literatura galega” dá acceso individualizado aos rexistros bibliográficos destas obras de dominio público, que poderán descargarse libre e gratuitamente en tres formatos, JPEG, PDF/PDF e ePub.