A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria levou a cabo a dixitalización de 10.407 novos números de El Correo gallego e 3.467 de El Eco de Santiago. As 55.554 imaxes dixitalizadas poden consultarse xa en Galiciana-biblioteca dixital de Galicia.

Durante o mes de decembro a Biblioteca de Galicia completou a subida a Galiciana da segunda fase da dixitalización de El Correo gallego. Trátase dos números que van desde o 28 de abril de 1924 ata o 31 de decembro de 1938. En total Galiciana, a biblioteca dixital impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da acceso libre e gratuíto a 18.455 números dos anos 1878 a 1938 deste importante periódico. Os traballos de dixitalización levados a cabo pola consellería, baixo a supervisión da Biblioteca de Galicia, tamén permiten que se poida buscar a texto completo sobre o total das 73.297 páxinas dixitalizadas, xa que sobre elas se realizou un proceso de recoñecemento óptico de caracteres.

Os esforzos de dixitalización da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria neste ano 2016 tamén permitiron a transformación a formato dixital  dos números que aínda estaban en papel dunha das cabeceiras máis destacadas da prensa histórica galega, El Eco de Santiago. O orixinal en papel desta publicación tamén se atopa depositado na Biblioteca de Galicia, grazas a un convenio asinado co Grupo Correo Gallego.

No ano 2014 a colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Ministerio de Cultura, Educación e Deporte permitiu levar a cabo a dixitalización dos 31 primeiros anos de El Eco de Santiago. Os números dixitalizados nesa ocasión, dende o primeiro do 1 de marzo de 1896 ata o 31 de decembro de 1926, pódense consultar na Biblioteca Virtual de Prensa Histórica.

Naquela ocasión quedaron sen dixitalizar os números que van dende o 3 de xaneiro de 1927 ata o último que se publicou, o 29 de setembro de 1938, data na que El Correo gallego absorbeu a El Eco de Santiago. Estes anos son os que a consellería dixitalizou durante 2016 e que agora se poden xa consultar en Galiciana. Son un total de 3.467 números transformados a dixital e 13.262 imaxes, sobre as que tamén se poden realizar buscas a texto completo.