A Biblioteca de Galicia é a depositaria, mediante convenio co Grupo Correo Gallego, da colección completa dunha das cabeceiras vivas máis destacas da nosa comunidade autónoma: El Correo gallego. Desde que esta colección chegou aos seus depósitos, un dos obxectivos da dirección da biblioteca foi o de poñer en marcha o proceso de dixitalización deste xornal, o cuarto máis antigo de España, e un dos máis consultados polos estudosos e investigadores.

No ano 2015, a Biblioteca de Galicia puxo en marcha a primeira fase de dixitalización do diario da capital de Galicia. Con ela poñíanse a disposición dos cidadáns os seus 8.048 primeiros números, desde o 1 de agosto de 1878 ata o 31 de decembro de 1903. Supuxeron un total de 31.015 imaxes dixitalizadas sobre as que se realizou un proceso de recoñecemento óptico de caracteres, que permitiu a procura a texto completo en toda a publicación en Galiciana-biblioteca dixital de Galicia.

Entre os anos 2016 e 2017 afrontouse a segunda fase da súa dixitalización para o rango cronolóxico que vai dende 1904 a 1940.

Neste ano 2019, levouse a cabo a terceira fase da dixitalización de El Correo gallego, ampliándose o rango cronolóxico ata o 31 de decembro de 1955.

Todos estes procesos de dixitalización deron como resultado un total de 23.712 números dixitalizados ata o momento, que supoñen 121.014 imaxes dixitais para este título de publicación periódica.

El Correo gallego comezou a publicarse en 1878 na cidade de Ferrol. O seu fundador foi José María Abizanda y San Martín, sendo o seu primeiro director Victorino Novo García. En 1908 pasa a ser propietario Ángel García Valerio e catro anos máis tarde, en 1912, será a familia Barcón a que adquira a titularidade do xornal, en cuxas mans permanecerá máis de 20 anos, concretamente ata 1938. Esta será unha data determinante para este título crave na historia da prensa, non só en Galicia senón tamén en España, xa que pasa a imprimirse en Santiago de Compostela. Ese traslado á capital de Galicia implicou tamén a súa fusión con El Eco de Santiago e a constitución da sociedade Editorial Compostela, S.A., empresa editora do xornal ata a actualidade.

En 1967 sofre outra importante transformación ao fusionarse con La Noche, o outro gran xornal que se publicaba na capital de Galicia. Na historia desta cabeceira tamén debe destacarse a publicación como título independente da súa versión en galego, O Correo galego, que viu a luz en 1994 e estivo activa ata o ano 2003.

En canto a El Pueblo gallego, contabamos cunha dixitalización antiga que abarcaba o rango cronolóxico que vai dende 1924 ata 1971. No ano 2018 redixitalizáronse os números correspondentes aos anos 1924 ata o 15 de setembro de 1963. Neste 2019 os traballos estiveron destinados a ampliar o rango cronóloxico desde o 1 de xullo de 1971 ata o peche do xornal no ano 1979. Así, ponse a disposición da cidadanía a cabeceira completa deste diario.

En total, están dixitalizadas 243.196 páxinas correspondentes a 15.833 números.

El Pueblo Gallego comezou a publicarse no ano 1924 na cidade de Vigo. O seu primeiro director foi Ramón Fernández Mato e José Rivas Montenegro o seu primeiro redactor xefe. En 1927, Manuel Portela Valladares adquire o xornal e convértese no seu director.

Nesta primeira etapa tiña unha orientación liberal aberta ao galeguismo e ao progresismo.

Foron redactores nesta época: Roberto Blanco Torres, Evaristo Correa Calderón, Xoán Xesús González, Luís Amado Carballo ou Ánxel Fole, entre outros. Destacan as colaboracións de Antón Villar Ponte, Juan Antonio Suárez Picallo, Víctor Casas, Valentín-Paz Andrade, Alexandre Bóveda, Rafael Dieste, Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Vicente Risco, Castelao, Álvaro Cunqueiro, etc.

En 1936 pasa a formar parte dos xornais do Movemento Nacional, abríndose unha segunda época. O Goberno decidirá pechalo no ano 1979, por perdas económicas.