O Grupo El Progreso e a Consellería de Cultura e Turismo asinaron un convenio de colaboración para levar a cabo o proceso de dixitalización do xornal El Progreso entre os anos 1941 e 1968. Este convenio permitiu transformar a formato dixital 51.860 páxinas impresas de 8.689 números publicados neses anos. As imaxes dixitais resultado dese proceso son accesibles para todos os cidadáns a través de Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia, plataforma de consulta do patrimonio bibliográfico galego dixitalizado que xestiona a Consellería de Cultura e Turismo.

O xornal El Progreso, que se ven publicando diariamente desde 1908, é un dos máis antigos de Galicia. Aínda que cubre información xeneralista, na actualidade é o único que dedica unha especial atención ás noticias referentes á provincia de Lugo. Desde os seus inicios o xornal configurouse como unha publicación independente ao servizo dos intereses de Lugo e a súa provincia, unha filosofía que mantén ata hoxe en día.

A información que conteñen as súas páxinas é de gran interese, non só para investigadores ou estudosos, senón para a cidadanía en xeral, xa que entre elas pódense atopar desde crónicas sobre os grandes acontecementos políticos que tiveron lugar  neses anos, ata sinxelas noticias de festas, vodas ou falecementos que constitúen a esencia da historia cotiá dun pobo, neste caso o lucense.

A Consellería de Cultura e Turismo, a través de Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia, ten como un dos seus principais obxectivos a conservación e difusión do patrimonio hemerográfico galego. A prensa histórica galega é unha fonte primordial de información para estudos e investigacións vencellados con diferentes ámbitos da cultura galega. Levar adiante un proceso de dixitalización sobre a colección do xornal El Progreso mellorará os servizos para os usuarios en xeral, proporcionando un acceso de maior calidade aos recursos da Consellería en relación coa educación e a formación continua.

A preservación do contido da prensa histórica galega é unha prioridade para a Consellería de Cultura e Turismo, debido a inestabilidade do papel no que habitualmente se imprimía. Reducir a manipulación e o uso de materiais orixinais fráxiles ou utilizados intensivamente, e crear unha “copia de seguridade” para o material deteriorado, como pode ser o caso de moitos números da prensa histórica, é unha das prioridades en todos os proxectos de dixitalización que leva adiante a Consellería.

Parte da colección do xornal El Progreso xa foi obxecto dun proceso de dixitalización sistemática, promovido polo Ministerio de Cultura e Deporte, que deu como resultado o acceso a través da Biblioteca Virtual de Prensa Histórica dos números dixitalizados publicados entre 1 de setembro de 1908 (Ano-I Número 14) e o 31 de decembro de 1940 (Ano XXXIII-Número 13.892). Co novo proxecto, impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo en colaboración co Grupo El Progreso, amplíase o rango cronolóxico dixitalizado ata 1968, polo que os cidadáns terán tamén acceso a noticias internacionais que se fixeron eco do fin da II Guerra Mundial ou do inicio da Guerra Fría, a acontecementos máis locais, como a inauguración das instalacións industriais de Frigsa en 1956, ou continuar as crónicas de Pelúdez e a súa familia nas festas de San Froilán.

O proxecto de dixitalización de El Progreso inclúe un proceso de recoñecemento óptico de caracteres. Este proceso permite facer buscas a texto completo sobre as imaxes accesibles en Galiciana, o que facilita enormemente as consultas na biblioteca dixital. Basta con introducir un simple termo que sintetice o tema de interese do usuario e os resultados que se mostran son xa unicamente as páxinas dixitalizadas que conteñen esa palabra. Coa incorporación de El Progreso, Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia dará acceso a 1.341.898 páginas de prensa histórica galega publicadas desde o ano 1808.