O micrositio dedicado á Biblioteca Municipal de Estudos Locais da Coruña incrementou o número de páxinas dixitalizadas grazas á incorporación dun novo proxecto de dixitalización. Durante os anos 2018 a 2020, esta biblioteca especializada desenvolveu un proxecto de dixitalización no marco das axudas da AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia). Este novo proxecto súmase ao desenvolvido no ano 2012. Nesta ocasión, a Biblioteca Municipal presenta a dixitalización de 33 títulos de publicacións seriadas galegas, basicamente coruñesas, que reflicten a realidade histórica da Galicia decimonónica e de principios do séculos XX. O material seleccionado nesta ocasión resulta moi interesante xa que recolle unha variada mostra de materias, desde xornais xeneralistas locais locais, como El Noroeste  ou El Censor, a revistas especializadas en temas tan dispares como a radio, o cinema, a agricultura ou o automobilismo. Grazas á esta nova dixitalización realizada pola Biblioteca de Estudos Locais en colaboración coa AMTEGA, os usuarios de Galiciana-BDG terán acceso libre e gratuíto a auténticas rarezas da prensa histórica galega como Prácticas modernas, revista agrarista que comezou a publicarse en 1903 e da que destaca, ademais da súa cabeceira modernista, as ilustracións de diferentes elementos da flora e da fauna que acompañaban a moitos dos seus artigos. Impulsada dende os círculos católicos da Coruña, xa no seu primeiro número proclamaba que a súa finalidade era eminentemente modernizadora, pragmática e divulgadora respecto dos temas agrícolas e gandeiros do momento. Outros títulos destacados son El balón, Coruña automovilista, ou Radio y cinema. Esta última publicación, impulsada dende o bando franquista, estaba editada cun coidado deseño, ademais de tratar sobre unha temática moi innovadora.

Tamén merecen especial atención as revistas satíricas e ilustradas procedentes, case todas elas, da colección da Familia González Mariñas, mostrando en clave de humor todos os acontecementos políticos e sociais que estaban a suceder na Coruña daquela época. Números, en moitas ocasión únicos, de publicacións como Ferrol cómico (1892), Galicia alegre (1891), Coruña cómica (1914), Coruña risueña (1905), ou El petardo: semanario satírico (1909), pódense consultar dende agora en Galiciana-BDG grazas a este proxecto de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello da Coruña e que supuxo a creación de 88.174 novas imaxes dixitalizadas de prensa histórica galega dun total de 33 cabeceiras, 24 das cales supoñen unha novidade dentro do catálogo de Galiciana-BDG.