No 2018 a Biblioteca de Galicia considerou que sería enriquecedor para Galiciana-BDG incluír novos formatos, como o ePub, coa intención de favorecer a difusión das obras patrimoniais galegas e facilitar o acceso á información dos usuarios desde diferentes dispositivos.
Este proxecto púxose en marcha sobre unha pequena selección de obras clásicas da literatura galega coa intención de seguir ampliando esta colección nos próximos proxectos de dixitalización impulsados desde a Dirección Xeral de Políticas Culturais. En total foron 16 as obras convertidas a formato ePub, o que permite a súa lectura nos múltiples dispositivos cos que é compatible este formato (tabletas, e- readers, móbiles, ...) e a súa descarga libre e gratuíta.
Para esta colección de obras en formato ePub seleccionáronse títulos de 6 autores fundamentais na historia da literatura galega: Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Marcial Valladares, Lamas Carvajal e Sofía Casanova. Dos grandes autores do Rexurdimento, Rosalía, Pondal e Curros, transformáronse a formato ePub os seus títulos máis significativos e procurouse tomar como referencia as primeiras edicións desas obras.
Co obxectivo de darlle unha mellor difusión a esta colección créase en Galiciana-BDG este novo micrositio. Baixo o título de “Grandes clásicos da literatura galega”, dá acceso individualizado aos rexistros bibliográficos destas obras de dominio público, que poderán descargarse libre e gratuitamente en tres formatos, JPEG, PDF e máis ePub.
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal