A Biblioteca de Galicia é a depositaria, mediante convenio co Grupo Correo Gallego, da colección completa dunha das cabeceiras vivas máis destacas da nosa comunidade autónoma: El Correo gallego. Desde que esta colección chegou aos seus depósitos, un dos obxectivos da dirección da biblioteca foi o de poñer en marcha o proceso de dixitalización deste xornal, o cuarto máis antigo de España, e un dos máis consultados polos estudosos e investigadores.

No ano 2015, a Biblioteca de Galicia puxo en marcha a primeira fase de dixitalización do diario da capital de Galicia. Con ela póñense a disposición dos cidadáns os seus 8.048 primeiros números, desde o 1 de agosto de 1878 ata o 31 de decembro de 1903. Supuxeron un total de 31.015 imaxes dixitalizadas sobre as que se realizou un proceso de recoñecemento óptico de caracteres,  que permite a procura a texto completo en toda a publicación en Galiciana-biblioteca dixital de Galicia.

Neste ano 2016 afrontouse a segunda fase da súa dixitalización para o rango cronolóxico que vai dende 1904 a 1938. Os usuarios de Galiciana-biblioteca dixital de Galicia poderán consultar, polo momento, os números publicados ata o 27 de abril de 1924. Durante o mes de decembro completarase a subida do resto dos números ata o 31 de decembro de 1938.

El Correo gallego comezou a publicarse en 1878 na cidade de Ferrol. O seu fundador foi José María Abizanda y San Martín, sendo o seu primeiro director Victorino Novo García. En 1908 pasa a ser propietario Ángel García Valerio e catro anos máis tarde, en 1912, será a  familia Barcón a que adquira a titularidade do xornal, en cuxas mans permanecerá máis de 20 anos, concretamente ata 1938. Esta será unha data determinante para este título crave na historia da prensa, non só en Galicia senón tamén en España, xa que pasa a imprimirse en Santiago de Compostela. Ese traslado á capital de Galicia implicou tamén a súa fusión con El Eco de Santiago e a constitución da sociedade Editorial Compostela, S.A., empresa editora do xornal ata a actualidade.

En 1967 sofre outra importante transformación ao fusionarse con La Noche, o outro gran xornal que se publicaba na capital de Galicia. Na historia desta cabeceira tamén debe destacarse a publicación como título independente da súa versión en galego, O Correo galego, que viu a luz en 1994 e estivo activa ata o ano 2003.

Desde os seus inicios este diario evidenciou unha vocación clara de servizo e compromiso con Galicia. Xa no seu primeiro número podíase ler: “la realización de todos los proyectos que Galicia viene acariciando, desde hace tantos años, la consolidación de esos adelantos, apenas iniciados y de los cuales depende su dicha, y el logro de las conquistas sagradas en que la empeña su tradición y al cual puede llegar el pueblo gallego por la senda del trabajo y las virtudes, serán el objeto preferente de todos nuestros esfuerzos, de nuestros afanes todos”.

Tamén no seu prospecto, publicado uns días antes que o primeiro número do xornal, móstrase esta clara declaración de intencións: “ya acertemos, ya nos equivoquemos, nadie podrá nunca poner en duda dos cosas: nuestro entrañable amor a la tierra en que nacimos y la sinceridad que ha de presidir siempre a todos nuestros actos”.

El Correo gallego sae á luz co subtítulo “diario político de la mañana”. O cualificativo de político foi elixido a conciencia polo que podemos ler no prospecto do xornal: “la política solo será para nosotros un medio, el más lógico, de ayudar a Galicia en la realización de los proyectos que acaricia y de los cuales depende su progreso”. Resulta curioso que máis de 130 anos despois siga de plena actualidade unha afirmación como a que atopamos noutras liñas dese mesmo prospecto: “vamos a pisar la, hoy más que nunca, candente arena de la política, no para defender en ella tal ó cual color, esta ó la otra bandera, sino para sostener los derechos de Galicia”.  A area da política parece que non se arrefriou aínda.

O xornal saíu á luz dividido nas seguintes seccións: sección política, sección de mariña, sección de noticias locais, noticias de Galicia, correo de Madrid, sección estranxeira, sección de Variedades e folletín. Ademais comprometíase a publicar, con tanta frecuencia como lle fose posible, información como a entrada e saída de buques, telegramas sobre o estado atmosférico, cartas de América ou revistas de Madrid, de espectáculos, de literatura e de modas. Repartíase nas primeiras horas da mañá e vía a luz todos os días, excepto os seguintes aos festivos.