Apuntes biográficos/históricosO Centro Gallego é a máis antiga das sociedades mutualistas da emigración en Cuba, fundada o 31 de decembro de 1871 no teatro de Albisu onde unha trintena de emigrantes galegos inician unha das obras filantrópicas máis relevantes levadas a cabo pola diáspora galega. Nese momento nace a Beneficiencia Naturales de Galicia.
O Centro Gallego de la Habana fúndase o 29 de novembro de 1879 tendo como primeira sede un edificio situado en Prado y Dragones, e con posterioridade compra o Teatro Nacional, antigo Tacón e os terreos lindeiros onde constrúe un gran palacio social inaugurado en 1915, agora ocupado polo Gran Teatro de La Habana, inda que conserva os escudos de Galicia na fachada principal e no interior do teatro. Considerado como unha das obras máis importantes do país, está situado no Paseo de Martí ou Paseo del Prado, preto do Parque Central. O constructor do teatro Tacón fora o empresario negreiro Francisco Marty Torrens, e fora inaugurado o 15 de abril de 1838.
Tras ser adquirido en 1906 pola Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia para edificar o seu Palacio Social en 1906, construíuse o edificio actual, entre 1907 e 1915, obra do arquitecto belga Paul Belau e a construtora Purdy & Henderson, nun estilo descrito como Renacemento español ou francés e con elementos do barroco.
Desde a súa fundación, o Centro Gallego intentou facilitar servizos médicos aos seus asociados, o que incrementou o número de socios nun cincocentos por cento, e en consecuencia os seus orzamentos. Ademais de asistencia médica, o Centro apoia as investigacións científicas que se realizaban entón, por exemplo con axuda financeira para a creación dun primeiro laboratorio bacteriolóxico.
O novo edificio, ademais do teatro, contaba con dous salóns de baile, un casino, salóns de xogo, oficinas, caixas de aforro, tesourería, restaurantes e cafés. Entre outros servizos, a Beneficiencia Gallega tamén adicábase a dar cristián sepultura aos seus afiliados e por iso en 1936 remata a construción do Panteón Social, no Cemiterio Colón da Habana. A Sociedade tiña como órgano oficial "La vida gallega en Cuba", revista que recollía novas, crónicas, anuncios e todo o relacionado coa vida social dos galegos en Cuba. Contan tamén con espazo para a ensinanza primaria e impártense clases nocturnas de comercio, costura e taquigrafía. A súa academia de música acada o rango de Conservatorio Nacional. E o hospital, chamado "La Benéfica" contaba en 1950 con 13 pavillóns. Nel interpretouse por primeira vez o himno galego e a primeira versión musical de Negra sombra.
En 1959 co triunfo da Revolución comezan os cambios que afectarán ás asociacións de inmigrantes e, en 1961 nacionalízase o patrimonio do Centro. O edificio converteuse no Gran Teatro da Habana "Alicia Alonso" e alberga a sede do Ballet Nacional de Cuba e ofrece espectáculos de ópera a cargo do Teatro Lírico Nacional. A sala principal está ocupada polo teatro "Federico García Lorca" e conta con outras máis pequenas e espazos para recitais de música e danza.
Entre 2013 e 2015 foi completamente restaurado, inda que respectando a idea orixinal e reabriu as súas portas en 2016.
Formas alternativas do nomeCentro Gallego (La Habana)
Centro Gallego ( La Habana)
Centro Gallego (La Habana)
Centro Gallego (La Habana)
Centro Gallego (Habana)
Centro Galego de A Habana
Centro Galego (A Habana)
Centro gallego sociedad de intruccion, recreo y asistencia sanitaria
Fontes consultadas1. Galipedia. Consultada o día 21 de setembro de 2021 https://gl.wikipedia.org/wiki/Centro_Gallego_de_La_Habana